martes, 15 de outubro de 2024

 O canto da sibila, rebeca baceiredo. 1. O comezo do poemario ten unha certa aproximación ao medievo con algún dos símbolos do mesmo. De que maneira te achegas a este periodo? Dende as últimas revisións históricas que o mostran como un período non tan escuro coma se nos contou, dende a perspectiva da Modernidade triunfante. Recollo, entón, ese espazo que non recae inexorablemente dentro da lóxica racional, ese espazo de multiplicidade e ‘desorde’ que igual non era tal, senón simplemente a vida. 2. Aperece nomeada tamén a India. Que ten de determinante? A India realmente funciona como un clixé cultural dende hai décadas ou séculos. Pero eu fun un par de veces hai anos e, fóra do preconcepto , a experiencia é moi estimulante para os sentidos, e non sempre idílica: os olores, as cores, os silencios nos rostros e os ruídos nas rúas, a beleza e a pobreza extremas, talvez activando ese odioso exotismo da pobreza, porque esa outra realidade e racha a dicotomía da nosa lóxica e mesturamos entón as dúas nocións como fantasmagorías,... Esa indeterminación que se pode manter na experiencia estética e que é imposible –e probablemente pouco aceptable etica ou politicamente- na lóxica, é a que está trazada no poemario. Non porque nada signifique nada, senón pola pluralidade de sentidos non sempre excluíntes. 3. O real entra no desexábel/non desexábel… Como transforma a realidade plural nunha experiencia palpábel?) O real ou é o desexo inmanente ou non forma parte do desexable, en tanto que non é transcendente aínda con respecto a un suxeito: o real non é espazo de representación. A selección que fai, por necesidade da especie, por obriga existencial ou vontade persoal un suxeito a partir dese real é a realidade. A realidade é esa experiencia palpable. Atopar o real na realidade quizais é o que a pode devir máis plural. 4. O cristianismo tamén está presente… Como é o teu achegamento á relixión? O xogo que realizo co cristianismo é un xeito de subverter esa tradición ou a maneira de atopar o inmanente nela, as raíces gnósticas. Non me interesa a transcendencia nin as relixións reveladas, ben empapadas de poder, nun sentido ortodoxo. Trátase, precisamente, de desfacer conceptualmente eses dispostivos envelenados. O que penso do cristianismo é que é un sincretismo que simplifica as tradicións anteriores, pero paréceme un risco grande confundir, a base de simplificar, os símbolos con referentes. A ignorancia, as lecturas unívocas, son inxustas e perigosas. 5. Morrer e nacer/nacer e morrer… cando é por que morres, cando e por que resucitas? Baixar e subir potencias (que non poder). Realmente os mitos falaban dos procesos da vida externa, da natureza, e das vidas internas, psíquicas, que pasan, parece que necesariamente, por tales procesos. Penso que as investigacións biolóxicas tamén están nese terreo. 6. Que tanto de ruralidade hai no poemario? Moita, grande parte foi escrito na aldea. E en determinadas accións ou estados físicos claramente aparecían os estados metafísicos. Penso que tamén diso van os haikus... 7. O deserto por onde transitar… onde o sitúas? Os desertos poden ser as potencias baixas, baleiras. Pero tamén poden ser un nivel mínimo de subxectivación que precisamente che permite conectarte con acontecementos, aumentar a conectividade: esas son as potencias altas. Os desertos, nese sentido, serven para baleirarse, pode haber un certo horror vacui, pero ao aprehender ese estado revértese na riqueza do múltiple. 8. Referencias ao mundo árabe… é un poema de mestizaxe? Interésanme as metafísicas e atráeme a mística sufí. Pero lembro chamadas do muecín de madrugada estando eu en distintos países musulmáns. Ese son, ese ton, é unha vibración moi interesante. 9. A hipotética salvación… por que vén dada? Por unha mesma, que non é o ego. 10. A doenza.. como atravesa-la? Facendo lecturas apropiadas do acontecemento. 11. O paso do tempo, como vivi-lo? Non creo moito no tempo. Penso na enerxía, na vitalidade, en facer cousas, o que non quita ter experiencia do baleiro, tamén. Penso que é necesaria para manter os niveis de enerxía. Deste xeito tense dabondo para ser agradable cos demais, etc. 12. O corpo, como se fai a si mesmo? Creo moito no poder da mente...

 A TARDE. O DESACOUGO . amauta castro 1. “ Pronunciaba o inusual coa língua das descobertas” o que está por descobrer é o que nos leva a seguir o fío da existencia? O amor presinte esa incerteza dos días. Este verso que expós na pregunta, aparece nun dos poemas introdutorios do primeiro dos catro bloques que compoñen “A Tarde. O Desacougo.” Ten un punto de iniciación e de proteción ao mesmo tempo, e conduce cara o que é o corpo temático deste primeiro bloque: un amor que entra no comezo da madurez sentimental. Un amor que albisca unha etapa de necesario coidado mutuo ante a intemperie moral do tempo que se aveciña, que percibe tamén a presenza das perdas, dos longos silencios, da erosión das relacións de parella e do cotián que se fai rotina. Alertado disto, quizabes opta, por esa “quedanza acesa” da cita de Ungaretti que abre o poemario. Por esa serenidade que impide que o paso do tempo se convirta nunha repetición idéntica que envelena e enfría a vida. Existimos e non podemos saír indemnes. 2. “Nesta nosa cautividade nunca fun triste” a ledicia é atoparse co corpo do outro? Tes razón en que neste primeiro conxunto de poemas hai tamén un momento para o Eros. A nudez, a éxtase, o descanso pero tamén a idade e a aprendizaxe coma factores que determinan ese momento do Eros na parella. Prolongarse no outro / na outra, avanzar coa man sostida, comunicarse sen idioma. 3. “ Envellecer debe se achegarse” o encontro fainos sabios? Velaí unha das claves d’A Tarde. O Desacougo. Envellecer/achegarnos. Pode ser encontro pero tamén a ruína. Achegarnos á fin do traxecto vital. Acolle porén un sentido duplo. Por unha banda solidario, fraterno, empático, etc. Por outra banda, a consciencia absoluta e terrible do efémero do días. 4. “Sen perder a nudez que me separa de nada” a virxinidade do poema é ese espazo/tempo que habitar? Desde logo hai un impulso previo á plasmación escrita do poema que soe ir sucedido dun momento (mínimo) de exaltación, e que acaba nunha sensación que eu definiría coma frustrante ou incompleta pero que conduce irremisiblemente a tentar millorar o poema (o que se está a escribir, outros, ou os que inda están por facer). Dese proceso bebemos moitas de nós. E dese proceso collemos forza para seguir mellorando a nosa escrita. 5. “Ou de tregua que envelena con silencios” de que maneira se expresa o non-dito? Exprésase moitas veces no deterioro ou no envelenamento da atmósfera que envolve as nosas relación persoais. No temor, na covardia, nas imposicións, nas negativas. Pero “A Tarde. O desacougo” sinala e alerta diso. 6. “Porque chego e ti estás/ e me dis esa palabra” son redentoras certas palabras? Aquí hai unha dúbida razonada e razonable. Expoño dúas posibilidades sobre as que reflexionei e a modesta conclusión á que cheguei, que é a que se mostra no poema que citas. Nun primeiro intre a palabra que non acada achegarse á cousa dita. Eu sempre exemplifico isto cuns versos de Alejandra Pizarnik: “no las palabras no hace el amor hacen la ausencia si digo agua ¿beberé? si digo pan ¿comeré?” Pero en troques penso e reflexiono tamén sobre a posibilidade contraria, que en certo grao vence nestes versos meus que citas. No Xapón, cultura que me atrae desde hai anos, as palabras marcan os momentos do día e son mesmo cerimoniais, diría eu, e esixen resposta do interlocutor. Non é redentor acaso sentirse respondido no día a día? O poema, coma sempre, tenta ensaiar a resposta e queda nunha modesta e redentora (reitero) aproximación. 7. “só o instante coñece a forza do pensamento” o pensamento que ten de improvisación? Desde logo hai unha parte de intuición poética (non sei se de improvisación) que é necesaria para desenvolver o oficio da poesía. Einstein consideraba que nunca chegara a ningún dos seus logros científicos por vías convecionais, e que en boa medida precisou dese punto de intuición que adianta o pensamento máis definido e razonado. É no instante, na tentativa de captura do instante, que aparece esa forza. Durante anos me sentín obsesionado pola obra do artista plástico italilano Alberto Burri. Burri tentou captar o punto de combustión dos materiais principalmente sobre elementos plásticos. Sempre pensei que era necesaria a mesma tentativa a través do texto poético. E entendo que non son o único que pretendeu isto. Os místicos (musulmáns e cristiáns, que son os que coñezo e puiden ler), os grandes mestres do haiku, e mesmo poetas da nosa propia tradición galego-portuguesa, tentaron achegarse ao instante desde a intuición poética. Creo que non é preciso estenderse muito máis, pero hai exemplos moi evidentes no eido da fotografía e do cinema que tentan achegarse a esa forza. 8. “O verso admite todo o que nos devasta” constrúese desde as ruinas do ser? A poesía pode construirse desde diversas posicións. Parece que a felicidade non adoita ser a maioritaria e que somos movidos por sentimentos que producen unha convulsión en nós mesmos. Desde a indignación política ao intimismo máis severo, pasando pola desespranza ou pola inminencia da morte, etc. Non existen unha pauta, nin se pode ser categórico e afirmar que efectivamente construimos o poema desde a ruína. Pero cito a Alfonso Pexegueiro para dicir que “só a poesía pode sacarnos dos infernos que a intelixencia crea”. 9. “Será sinxelo o poema/ que agarde ser danza/por riba da morte” en verdade hai algo máis real que a morte? A morte é a derradeira peza do crebacabezas. Pero estes versos refírense á perdurabilidade da obra. Unha perdurabilidade irrealizable pola condición finita do noso propio planeta pero que semella formar parte inda das tentativas continuas de boa parte dos e das poetas. Máis alá da arrogancia inherente á idea (erronia) de perdurabilidade da autoría, o poema vese algo máis capacitado para ser transferido a outras xeracións. O poema que desexe formar parte do tempo futuro debe ser por forza sinxelo: “Adiós ríos, adiós fontes…”, “nel mezzo del cammin di nostra vita”, “la mer, la mer, toujours recommencée!”, “I find no peace, and all my wari s done”, “no ser res si no s’és poble”… 10. “No salto somos só paxaros a voar” a liberdade alcánzase lanzándose ao baleiro? “No salto somos só paxaros a voar. A reflexión prodúcese antes, na vertixe, no estraño itinerario dos pés que avanzan até o límite, na consciencia do paso ante o baleiro.” Engado un cantos versos máis á pregunta para, se cadra, facer entender ao lector/a o que hai detrás deste poema que case finaliza a segunda parte do libro e que se refiere tamén ao punto de ebullición creativa. Chego até esta imaxe tras a observación da fazaña do funambulista (e artista) francés Philippe Petit cando percorreu na corda frouxa a distancia entre as dúas Torres Xemelgas do antigo World Trade Center de Nova Iorque. Que foi o que pensou Petit no instante anterior a poner o pé sobre a corda a 400 metros de altura? O pé avanza até o límite movido polo que? Que foi o que pensou Ícaro mentres seguía avanzando até a súa propia destrución? Pero avanzamos, quizabes cunha plena consciencia de que o impulso creador do poema queima nas nosas mans, escapa, e mesmo sangra nos nosos ollos.

 CONVERSA CON BALDO RAMOS

  1. Cos ollos de quen procura o que nin sequera sabe que existe”. O descoñecido é o que nos move a comprender?

O descoñecido é o que nos move a crear.

  1. A beleza é un estado de comuñón coas cousas / a boca pola que respira o mundo no poema”. Onde ves a beleza, é ela a que che fai escribir?

Beleza aquí non significa fermosura. É o vínculo que temos coas cousas que nos fan escribir.



  1. Atoparás a luz nas palabras que te devolven ao silencio”. Falar e calar, o que nos remite a Deleuze. Como conxugar estes dous verbos?

Interésanme os espazos nos que as palabras xa non poden significar. O silencio non é aquí ausencia de palabras, senón o espazo habitado pola palabra que non pretende proclamar, impoñer, ser comprendida.



  1. O vértice da vontade de ver coa imposibilidade de posuír”. Que posuímos e que non para facérmonos coa palabra?

Non saber obríganos a andar ás apalpadas. A experiencia da escrita para min é a necesidade de buscar ás escuras unha luz que nos acolla, e non dar con ela.



  1. Escribimos para evitar saber” Achámonos nunha espiral de inconsciencia?

Nunha espiral de contradicións. A poesía como coñecemento irrealizable.



  1. Que é verdade polo que ten de incompresible” A postmodernidade deixa atrás todo intento de comprensión?

O que non sabemos explicar con palabras convencionais, trilladas, con palabras que cotizan no mercado literario afástanos da verdade admitida, da posverdade, da compracencia. Fainos felices porque nos permite ser nós. E iso sempre é difícil de explicar e de entender.



  1. Pero negouse a ser o que os augures lle ditaron”. O oráculo, como se pode escapar del?

Pois sendo nós mesmos, sen influencias interesadas.



  1. Estamos envoltos nunha ficción”. A sociedade do espectáculo como nos forma e conforma?

Non lembro ter escrito ese verso, pero igual ás veces escribimos desde a ficción de ser outros.



  1. Cada verso evoca un baleiro que as palabras non poden encher”. Os corpos si enchen ese baleiro?

Se lemos co corpo si.



  1. A poesía é a aprendizaxe do final”. Estamos preparados para a fin irreversíbel que é a morte?

Os que viven ao límite imaxino que si. Os que tememos a morte non temos máis remedio que consolarnos pensando que a escrita pode axudarnos a acatar esa sentenza que está escrita moito antes de empezar o xuízo e alegar nada ao noso favor.



  1. E que ser non sexa un falso xogo de palabras”. De que estamos feitos na nosa autenticidade?

De respostas innecesarias.



  1. Escribo para ter a sensación de que desando o tempo”. A escrita, mesmo a pintura, fainos xogar co tempo?

Fainos recuperalo. A memoria e a escrita son os zapatos que calzo cando desando a súa pegada.



  1. A memoria é a perspectiva coa que fala no poema a palabra que afondamos na linguaxe”. A memoria propia é unha creación que ten máis de real que de irreal?

A memoria é a nosa casa, o único lugar que sempre espera por nós. Ata que a perdemos, claro.



  1. A ausencia era a evocación do que tan só terá sentido nas palabras”. Cheos de ausencias é o tempo do amor a única salvación?

O tempo da palabra compartida. Amamos para deixar de ser nós.



  1. Concibe o baleiro como un diálogo co azar”. O inesperado como inflúe nas nosas vidas?

Escribín ese verso pensando na miña experiencia como calígrafo. Azar, baleiro, poesía.



  1. Alí a cidade cobra sentido lonxe da escrita”. Está separado ate que ponto o feito de vivir e o de escribir?

Para min noutro tempo estaban moi unidos. Agora a cidade, por veces, faise máis habitable lonxe da escrita.



  1. A poesía dialoga coa pintura sen empregar palabras”. A pintura presente no libro en forma de composición vermella, que quere aportar de plus?

A caligrafía neste libro é unha invitación a deixarse levar pola súa lectura. Coido que este libro está cheo de voces, de todas as voces coas que me identifico.



  1. Renunciarás á sintaxe artificiosa do discurso para evitar a ficción en canto escribes”. Ese outro poeta ao que te dirixes pretende crear unha linguaxe pura?

Pretende escribir sen ánimo de facer literatura, sen ánimo de crear espazos de ficción.



  1. A ferida é un lugar de paso”. Estamos en constante tránsito?

Ir indo é o noso destino.



  1. Escribo para evitar que a morte me comprenda”. Canto hai de pulsión de morte no poemario?

A morte está sempre presente no que escribo e, posiblemente, unha das razóns disto sexa que a escrita permítenos dialogar, dun xeito íntimo e sereno, con aquelas persoas que quixemos e agora xa non están.



  1. A patria que só existiu nas barricadas do poema”. A poesía é o lugar onde moras?

A poesía é o lugar onde me agocho.



  1. Só pedía evitar o encontro, eludir a obriga de comprender”. Debemos comprendernos para avanzar como sociedade?

Debemos aprender a escoitar. Hoxe moita xente chámalle dialogar a falar cun mesmo.



  1. Escribes para non ter que actuar”. Palabras e actos como conviven?

O compromiso cívico cada vez dáme máis preguiza. E a poesía unha pouca menos.



  1. Che devolva nestes versos a confianza na linguaxe”. A linguaxe: é a súa función sandar as feridas da comprensión?

A linguaxe é un refuxio, un lugar de acollida.

  1. Escoitei voces e só recoñecín ausencias”. Estamos feitos do que perdemos?

E do que nunca chegaremos a posuír.



  1. Entro na fertilidade cun único desexo: comprender a vertixe que nos impide avanzar”. Cara onde nos diriximos como ente común?

Cara o lugar de partida.



  1. O poema é un camiño sen retorno”. Estás dalgún xeito atrapado na escrita?

Que non haxa retorno non significa que esteas atrapado. Escribo para non ter que volver.



  1. Escribo para non ser eu”. Que hai de real no poemario?

Confundimos realidade con materialidade. A soidade, o silencio, o sentimento de perda, o baleiro son conceptos abstractos, pero na realidade de quen non están ben presentes?



  1. Hai unha vontade de resistencia que nos impide actualizar o pasado”. A resistencia devólvenos a esperanza?

E a desesperanza de envellecer.



  1. Penso no que a memoria xa non pode reconstruír”. A memoria podemos construíla ou so é subconsciente?

Construímola no noso inconsciente e ás veces moi conscientemente.



  1. A fidelidade é o único lugar no que podemos evitar a desaparición”. Ser fiel a un mesmo é o que requirimos para seguir?

Máis importante para min é ser fiel ás túas raiceiras, aos teus antepasados.



  1. A escrita confúndese co corpo”. Somos materia, como chegamos a desprendernos dela?”

Cando nos facemos palabra.



  1. Transparente como o desexo de ser comprendido”. É a comunicación efectiva a fin da palabra?

Como calquera outro acto de comunicación. E a poesía éo dende o momento no que o compartimos.



  1. Non hai verdadeiro poeta sen rebeldía”. A revolta, é ese camiño para non ficar na compracencia?

A rebeldía semella con frecuencia un concepto trasnoitado. Para non ficar na compracencia ás veces abonda coa indiferenza.


Conversa con Carlos Paulo Pereiro


 

  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...