xoves, 30 de xaneiro de 2025

 A TARDE. O DESACOUGOamauta castro. 

1. “ Pronunciaba o inusual coa língua das descobertas” o que está por descobrer é o que nos leva a seguir o fío da existencia?

O amor presinte esa incerteza dos días. Este verso que expós na pregunta, aparece nun dos poemas introdutorios do primeiro dos catro bloques que compoñen “A Tarde. O Desacougo.” Ten un punto de iniciación e de proteción ao mesmo tempo, e conduce cara o que é o corpo temático deste primeiro bloque: un amor que entra no comezo da madurez sentimental. Un amor que albisca unha etapa de necesario coidado mutuo ante a intemperie moral do tempo que se aveciña, que percibe tamén a presenza das perdas, dos longos silencios, da erosión das relacións de parella e do cotián que se fai rotina.

Alertado disto, quizabes opta, por esa “quedanza acesa” da cita de Ungaretti que abre o poemario. Por esa serenidade que impide que o paso do tempo se convirta

nunha repetición idéntica que envelena e enfría a vida.

Existimos e non podemos saír indemnes.

2. “Nesta nosa cautividade nunca fun triste” a ledicia é atoparse co corpo do outro?

Tes razón en que neste primeiro conxunto de poemas hai tamén un momento para o Eros. A nudez, a éxtase, o descanso pero tamén a idade e a aprendizaxe coma factores que determinan ese momento do Eros na parella.

Prolongarse no outro / na outra, avanzar coa man sostida, comunicarse sen idioma.

3. “ Envellecer debe ser achegarse” o encontro fainos sabios?

Velaí unha das claves d’A Tarde. O Desacougo. Envellecer/achegarnos. Pode ser encontro pero tamén a ruína. Achegarnos á fin do traxecto vital. Acolle porén un sentido duplo. Por unha banda solidario, fraterno, empático, etc. Por

outra banda, a consciencia absoluta e terrible do efémero do días.

4. “Sen perder a nudez que me separa de nada” a virxinidade do poema é ese espazo/tempo que habitar?

Desde logo hai un impulso previo á plasmación escrita do poema que soe ir sucedido dun momento (mínimo) de exaltación, e que acaba nunha sensación que eu definiría coma frustrante ou incompleta pero que conduce irremisiblemente a tentar millorar o poema (o que se está a escribir, outros, ou os que inda están por facer).

Dese proceso bebemos moitas de nós. E dese proceso collemos forza para seguir mellorando a nosa escrita.

5. “Ou de tregua que envelena con silencios” de que maneira se expresa o non-dito?

Exprésase moitas veces no deterioro ou no envelenamento da atmósfera que envolve as nosas relación persoais. No temor, na covardia, nas imposicións, nas negativas. Pero “A Tarde. O desacougo” sinala e alerta diso.

6. “Porque chego e ti estás/ e me dis esa palabra” son redentoras certas palabras?

Aquí hai unha dúbida razonada e razonable. Expoño dúas posibilidades sobre as que reflexionei e a modesta conclusión á que cheguei, que é a que se mostra no poema que citas.

Nun primeiro intre a palabra que non acada achegarse á cousa dita. Eu sempre exemplifico isto cuns versos de Alejandra Pizarnik:

“no las palabras no hace el amor hacen la ausencia si digo agua ¿beberé? si digo pan ¿comeré?” Pero en troques penso e reflexiono tamén

sobre a posibilidade contraria, que en certo grao vence nestes versos meus que citas. No Xapón, cultura que me atrae desde hai anos, as palabras marcan os momentos do día e son mesmo cerimoniais, diría eu, e esixen resposta do interlocutor. Non é redentor acaso sentirse respondido no día a día?

O poema, coma sempre, tenta ensaiar a resposta e queda nunha modesta e redentora (reitero) aproximación.

7. “só o instante coñece a forza do pensamento” o pensamento que ten de improvisación?

Desde logo hai unha parte de intuición poética (non sei se de improvisación) que é necesaria para desenvolver o oficio da

poesía. Einstein consideraba que nunca chegara a ningún dos seus logros científicos por vías convecionais, e que en boa medida precisou dese punto de intuición que adianta o pensamento máis definido e razonado.

É no instante, na tentativa de captura do instante, que aparece esa forza. Durante anos me sentín obsesionado pola obra do artista plástico italilano Alberto Burri. Burri tentou captar o punto de combustión dos materiais principalmente sobre elementos plásticos.

Sempre pensei que era necesaria a mesma tentativa a través do texto poético. E entendo que non son o único que pretendeu isto. Os místicos (musulmáns e cristiáns, que son os que coñezo e puiden ler), os grandes mestres do haiku, e mesmo poetas da nosa propia tradición galego-portuguesa, tentaron achegarse ao instante desde a intuición poética.

Creo que non é preciso estenderse muito máis, pero hai exemplos moi evidentes no

eido da fotografía e do cinema que tentan achegarse a esa forza.

8. “O verso admite todo o que nos devasta” constrúese desde as ruinas do ser?

A poesía pode construirse desde

diversas posicións. Parece que a felicidade

non adoita ser a maioritaria e que somos movidos por sentimentos que producen unha convulsión en nós mesmos. Desde a indignación política ao intimismo máis severo, pasando pola desespranza ou pola inminencia da morte, etc.

Non existen unha pauta, nin se pode ser categórico e afirmar que efectivamente construimos o poema desde a ruína. Pero cito a Alfonso Pexegueiro para dicir que “só a poesía pode sacarnos dos infernos que a intelixencia crea”.

9. “Será sinxelo o poema/ que agarde ser danza/por riba da morte” en verdade hai algo máis real que a morte?

A morte é a derradeira peza do crebacabezas. Pero estes versos refírense á perdurabilidade da obra. Unha perdurabilidade irrealizable pola condición finita do noso propio planeta pero que semella formar parte inda das tentativas continuas de boa parte dos e das poetas.

Máis alá da arrogancia inherente á idea (erronia) de perdurabilidade da autoría, o poema vese algo máis capacitado para ser transferido a outras xeracións. O poema que desexe formar parte do tempo futuro debe ser por forza sinxelo: “Adiós ríos, adiós fontes…”, “nel mezzo del cammin di nostra vita”, “la mer, la mer, toujours recommencée!”, “I find no peace, and all

my wari s done”, “no ser res si no s’és poble”…

10. “No salto somos só paxaros a voar” a liberdade alcánzase lanzándose ao baleiro?

“No salto somos só paxaros a voar. A reflexión prodúcese antes,

na vertixe, no estraño itinerario dos pés que avanzan

até o límite,

na consciencia do paso ante o baleiro.”

Engado un cantos versos máis á pregunta para, se cadra, facer entender ao lector/a o que hai detrás deste poema que case finaliza a segunda parte do libro e que se refiere tamén ao punto de ebullición creativa.

Chego até esta imaxe tras a observación da fazaña do funambulista (e artista) francés Philippe Petit cando percorreu na corda frouxa a distancia entre as dúas Torres Xemelgas do antigo World Trade Center de Nova Iorque.

Que foi o que pensou Petit no instante anterior a poner o pé sobre a corda a 400

metros de altura? O pé avanza até o límite movido polo que?

Que foi o que pensou Ícaro mentres seguía avanzando até a súa propia destrución?

Pero avanzamos, quizabes cunha plena consciencia de que o impulso creador do poema queima nas nosas mans, escapa, e mesmo sangra nos nosos ollos.

  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...