martes, 14 de xullo de 2026

 

LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA, manuel gago



  1. Que convirte a un lugar nun lugar mítico?


Pois a existencia de tradicións orais -e escritas- que dan conta dun relato sobre o lugar que transcende o histórico e se introduce noutro tipo de coñecemento de carácter máis lendario ou fantástico. Pero a clave do mito é que ademais debe ser compartido por unha comunidade relativamente ampla. Na maior parte dos casos os lugares míticos son coñecidos por unha comunidade pequena (unha aldea, unha parroquia) pero nalgúns casos, a través das achegas cultas, acaban sendo compartidos por unha comunidade máis ampla, como o monte Pindo. Nese preciso o mito sempre cambia, porque a clave do mito é que responde a unha función dentro desa sociedade.


  1. Por que galicia é tan propensa á maxia?


Hai varios motivos para isto. Os primeiros son coxunturais: tivemos a sorte de que determinadas partes da Galicia tradicional chegaran ata nós, e iso permítenos relacionarnos con marcos e discursos que noutros países que sufriron unha industrialización e urbanización máis temperá, como Gales ou Escocia, desapareceron hai moitos anos. Pero outros teñen que ver co noso territorio: a paisaxe galega é moi característica e complexa, e iso fai que as marcas de diferentes culturas quedan fixadas no territorio, sexan visibles para as culturas posteriores e deban ser explicadas. E isto é especialmente relevante por un dos factores máis importantes que define o noso país: a relación coa terra. Galicia é un país de pequenos propietarios que tiveron que defender os seus dereitos durante centos de anos, e iso fai que o exercicio da memoria sexa fundamental para protexer o ben común e o ben privado. A nosa estrutura de pequenas comunidades parroquiais, moitas veces case independentes entre si, tamén favoreceu a diversidade.


  1. Como definirías o termo “mítico” e o termo “maxia”?


Efectivamente, son dúas cousas distintas. O mito, como dixen antes, é un relato compartido que tenta explicar o mundo a unha sociedade determinada e alude aos feitos do pasado. Por exemplo, cando en Pontevedra ou en Tui se dicía que procedían de troianos escapados trala caída da cidade de Troia. Así que o mito pode conter elementos marabillosos pero parecer a cousa máis normal do mundo. A maxia pode estar no pasado pero sobre todo está no presente, e ten que ver co uso de recursos que non pertencen ao mundo convencional e que poden alterar o curso deste. Tipicamente, só determinados invididuos (sobre todo mulleres) teñen a capacidade de provocar a maxia, e esa maxia require unha combinación de aprendizaxe pero tamén de aptitude e mesmo de herdanza familiar.



  1. Os segredos de que forma se transmiten?


Pois de xeito discreto (hahaha!). As comunidades tradicionais galegas contan con numerosos relatos ao redor do valor do silencio, da discreción e de gardar o segredo. Case todas as aldeas teñen algún relato dunha moura ou un encanto que che dá un artiluxio máxico a cambio de manter o segredo da súa existencia e de quen o agasallou. E o artiluxio ou o encantamento perde as súas propiedades cando o beneficiario se vai da lingua.


  1. Como “ver” máis alá?


Non entendo moi ben a pregunta. Se te refires a como hoxe en día nós podemos acceder a todo ese universo de relatos e memorias, o que podo dicir é que aínda segue sendo posible, porque moitas das historias están vivas e máis do que parece. Esta fin de semana conducín un roteiro e unha vella da parroquia contoume con precisión a existencia dun camiño que levaba ata unha igrexa que foi desmantelada en 1689. Pero a clave para conseguilo está en asumir que é un proceso lento, que consiste en escoitar pero sobre todo en saber preguntar, e que hoxe, ao perdermos o universo no que esas historias tiñan máis sentido, temos que formarnos e ler moito para saber ben que preguntar e sobre todo comprender o sentido do que nos contan.


  1. Con que outros reinos antergos podemos ter semellanzas?


O folclore galego é riquísimo, e nel podemos atopar practicamente case todos os grandes motivos da Europa atlántica, con relatos que en moitos casos se remontan moi moi atrás. Ademais, foi o primeiro reino europeo en dispoñer dunha estrutura institucional e territorial artellada, evanxelizado de xeito moi temperán e receptor de numerosas historias a través dos camiños de peregrinación. Así que imos atopar conexións do seu folclore cun vasto mundo ibérico, francés, italiano e por suposto dos países atlánticos.


  1. As pedras, onde se atopan estas pedras que se comunican entre elas?


Na Pena Castrela (Friol), que representan unha moura nai e a súa filla, enfrontadas entre si pola eternidade. Son representantes das numerosas pedras encantadas, que ás veces teñen conxeladas no interior seres do pasado.


  1. A cidade asolagada... onde se sitúa a antioquinia galega?


Pois en moitísimos sitios. Ao deseñar o Mapa tivemos que escoller unicamente tres das numerosísimas cidades asolagadas que hai nas lagoas (pero tamén no mar) de Galicia. Escollimos Duio (Fisterra), Valverde (Ribeira) e Antioquía (Xinzo de Limia) pero poderían ter sido moitas outras. Practicamente non hai lagoa sen cidade asolagada.


  1. Os ananos, de onde xorde a historia do castro de cerqueda?


Pois é un exemplo do importante que é escoitar e ter as orellas abertas e o espirito ben documentado. En cerqueda aludían os ananos que construíron un túnel entre o castro de Cerqueda e unha igrexa próxima, e que alí tiñan un longo ferro. A nós contáronnolo as señoras de Cerqueda, case de miragre, era unha historia case perdida. Hai ananos en moitísimos castros galegos pero como non encaixaban no molde dos “mouros” típicos dos castros que buscaban os antigos folcloristas, pois moitas veces non se recolleron. No mapa tentamos facer visible a diversidade e riqueza de seres da nosa tradición oral, porque tamén a nosa sociedade actual é diversa, rica e chea de xente distinta.


  1. Os animais da fraga do pico sacro... que poders máxicos teñen?


Eles non sei agás a gran besta (o dragón) que habita no Pico, que entre outras propiedades ten a capacidade de paralizar a parte do teu corpo que queda afectada pola súa sombra cando voa... pero nese relato quen ten os poderes máxicos é o vello. No centro de Galicia, máis ou menos entre a Ulla, o Deza, Terra de Montes e o norte da provincia de Ourense, aparece con frecuencia ese tema mítico: unha especie de ermitán vello, con capacidades de dominio da natureza, que convoca o seu redor os animais máis salvaxes do mundo.


11. As torres e as súas desfeitas... que torres míticas aínda se conservan?


En Galicia conservamos centos de torres, pero visibles non tantas porque a maior parte delas as botaron abaixo os Irmandiños en 1465-7. Porén, de todas elas hai memoria e lendas que falan ao redor da súa construción ou dos seres fantásticos que as poboan. Temos desde torres con pantasmas ata a torre que representamos no mapa, Todamira, a señora do gran tesouro, que  era a torre de homenaxe do castelo da Frouseira, no que o mariscal Pedro Pardo de Cela resistiu o asedio das tropas casteláns.


  1. As festas “eternas” do rei garcía... vivimos nunha eterna festa os galegos?


Penso que non, pero iso é precisamente o que nos fai valoralas e sentidas de xeito moi intenso. Pero o relato da festa eterna do bo rei García é unha historia moi antiga que debe proceder directamente da Idade Media, onde no mundo atlántico era moi frecuentes as lendas sobre pazos subterráneos nos que se viven festas eternas. Eses relatos que aparecen no Mabinogion galés tamén os vemos en Galicia e, neste caso, en Ribadavia, que é onde os monxes do mosteiro de santo Domingo, pola súa propia comenencia, mantiveron a memoria do rei García.


  1. Volvemos ás pedras... cales son as fazañas do cabaleiro roldán?


Roldán é un dos grandes heroes da mitoloxía tradicional galega, aínda que moita xente, como non é un mito celta, non o valora nada. Ten que ver coas profundas conexións entre Galicia e Francia na Idade Media e o gusto que houbo polas historias cabaleirescas. Nos mitos galegos aparece caracterizado como un portentoso guerreiro capaz de fender pedras, deixar pegadas nas rochas ou mesmo conseguir que Deus atrase a chegada da noite. No Mapa tamén quixemos ser inconformistas e disruptivos, chamando a atención sobre mitos que foron moi importantes na sociedade galega durante séculos e que, ben no Rexurdimento ou ben no nacionalismo dos anos 70-80 se despreciaron.


  1. A figura do demo... que representa en galicia?


Pois é unha figura bastante divertida, porque a diferencia doutros países nos que o demo é un ser totalmente maligno, a clave dos relatos galegos é que sempre pode ser bulrado. É dicir, a tradición oral galega asume que se o demo ten capacidade de enganar e facer o mal -que a ten- os homes temos tamén a capacidade de enganalo e facerlle mal a el. É algo moi divertido e curioso.


  1. Cal é a importancia da tradición oral?


Pois é moita, porque é unha memoria que se comunica de xeito directo, no ti a ti, e polo tanto está asociada á empatía, ás emocións e á construción vital. A tradición oral é capaz de outorganos unha dimensión única do mundo que nos rodea, porque convirte o territorio nun espazo cheo de sentidos e recordos, irmandando o noso sentir invididual co sentir colectivo dunha comunidade. É fundamental para construírnos como seres humanos e, en países como Galicia nos que aínda podemos gozar dela, deberiamos ser conscientes do privilexio e do único que resulta escoitala e transmitila.


  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...