ENTREVISTA FICTICIA (1ª PARTE) Á PERSONAXE-NARRADORA DE MERLÍN E FAMILIA (ÁLVARO CUNQUEIRO)
- Os espazos determínan-nos... Onde se sitúa o Campo dos Trobos?
Adéntrase rubindo volta a volta pola fraga de Eirís, que é tan mesta: o camiño vai un pouco a rentes do río, e cando gana o chan, onde chaman Paradas, métese por entre os lamagueiros hastra onde dicen Pontigo, que é unha ponte baixa de madeira, na que mui gostoso é de ouvir o trote corto dos cabalos dos viaxeiros que van e vén, camiño de Belvís.
- En que deviron os muíños de Pontigo?
Son agora dúas moreas de pedra moura, nas que a hedra encalla e medra, pro eu lémbrome aínda de cando moían o trigo valeco i o centeo das chairas, i había mazeiros ao longo das presas; o vento tiraba mazás á iauga, e sempre había ducia delas, verdes ou coloradas, bailando na escuma espesa i marela, cabo á enrella das canles.
- Cal é a paisaxe desde Miranda?
Dende Miranda vese Esmelle todo arredor, o castelo deBelvís, a fraga da Serpe, a lagoa dos Cabos, e de día, a seu carón o fume das ferreirías do Vilar. Pola noite, dende Miranda, eu poñía-me a ollar cómo se alcendían as luces de Belvís nas outas i aparelladas torres, i en comparanza con elas, como pousadas no chan, as luces de Vilar: cando corría vento de Meira, eu tíñame porque ouvía as badeladas dos mazos dos ferreiros. Dende Miranda vese todo o chan de Quintás desde o Castro, i as centeeiras darse en ondas, coma o mar, ao amor da brisa, o ir e vir das mulleres á fonte do Couso.
- Vostede onde moraba?
Eu dormía no faiado, nunha cámara estreita, que tiña un ventano que cadraba mesmo enriba do catre. Tomei gosto, pola noitiña, de rubirme a iste, i estarme unha hora asomado. I el era polas luces. En Esmelle, na noite, todo se facía con luces. Xa non digo as luces de Belvís, que van as miraba rubir e baixar, coma paxaros acesos, polas fiestras das torres ambas; por veces todo Belvís quedaba ás escuras, i a pouco, alcendíase unha luz pequeniña, coma o ollo dun moucho, no balcón da portalada, e isa luz corría polo castelo.
- Cando viu a trabe de de ouro?
Unha maña de sega foi cando vin na lagoa o barco veleiro, i outra de outono cando vin no outo do Castro a trabe de ouro.
- Como se vive o inverno en Esmelle?
O inverno é longo, longo, en Esmelle. I agás que caia unha lúa de xeadas, todo il é de choiva e neve. Pero o verán é doce, e tamén a outonada.
- Como eran as festas de Merlín?
Ás vegadas o señor Merlín saía á eira, e nunha copa de cristal chea de auga verquía dúas ou tres gotas de licor que il chamaba “dos países”, e sorrindo, con aquela aberta sorrisa que lle enchía a branca faciana como enche o sol a mañán, preguntábanos de qué coor queríamos velo mundo, e sempre que a min me tocaba responder, eu decía que de azul, i entón Merlín botaba a iauga, ao áer, e por un segundo o mundo todo, Esmelle todo arredor, as brancas torres de Belvís, as pombas i o can Ney, o roxo pelo de Manoeliña, a branca barba de mi amo, o cabalo tordo, as bidueiras de Quintás i o toxo da coroa do Castro, todo era unha longa nuben azul que pouco a pouco se esvaía.
- De onde procedía Merlín?
O señor Merlín, asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado pra Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito.
- Pode describirme a Xenebra?
A primeira da casa, despoixas de don Merlín, era mi ama dona Ginebra. Era unha señora mui sentada, verán e inverno coa súa peleriña negra mui bordada con abaloiros. Tampouco era do país, e prendía algo na fala. Tiña un pelo loiro mui fermoso e longo, que recollía nun grande moño, e nunca vin pel tn branca como a súa. Outa e máis ben gorda, tiña un gran andar, i era mui graciosa de seu no mando, algo súpeta eso si e por veces seca... Decían que era viúda dun grande rei que morreu na guerra, e tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro.
- Coñeciu a moitos persoeiros...Que lembranzas ten do deán de Santiago?
Lémbrome do señor Deán de Santiago, cando veu a Miranda a mercar o quebranoces, coas antiparras postas lendo no bordado, decíndolle a mi ama que atopaba ao señor Tristán mui parecido e que doña Oriana cáseque falaba. Eu estaba na porta do salón esperando permiso pra ofrecerlle a Súa Señoría un vasiño de viño de Getafe con biscoitos rizados.