1. O PUNK. como repercutiu o movemento punk nos fanzines?
O movemento punk naceu da crise do petróleo de 1973 até ese momento existía un
estado do benestar na maioría dos estados occidentais. A partir dese ano as economías
europeas e da órbita occidental (EEUU, Australia, Nova Zelandia ou Canadá), acabaron
por adoptar as políticas de “austeridade” que basicamente deixaron unha inflación polas
nubes, uns índices de desemprego que non se vían desde o final da II Guerra Mundial (ou
da Gran Depresión dos anos 1930).
Punk quere dicir moitas cousas mais o seu significado neste caso (polo menos para
min) é o de “ruptura”. Romper cos estereótipos e as maneiras de expresarse na mocidade
(sobre todo urbana) e optar por outras vías de expresión.
Punk quere dicir liberdade absoluta fronte ao academicismo, fronte ao virtuosismo
(un dos membros dos Sex Pistols levaba unha camisola que poñía “I hate Pink Floyd”
(odio Pink Floyd) punk contra rock progresivo) e liberdade fronte ás imposicións políticas
do momento. Non sabes tocar? Tanto ten, con darlle un tempo xa aprenderás. Gústanche
os Pink Floyd (e outros grupos contemporáneos)? Non, son uns pesados, a súa música é
insoportable, pois fago eu a miña música, máis rápida, máis curta e cantando coa
linguaxe da rúa. Os políticos non fan nada contra o desemprego, a falta de vivenda e o
desastre medioambiental? Pois creamos espazos okupados, autoempregámonos e
creamos grupos locais (logo foron máis amplos) reclamando atención fronte ao deterioro
do medio ambiente.
E sobre os fanzines a resposta é que as publicacións do momento, mesmo as
underground, non ofrecían contidos máis próximos á xente nova do momento. Seguían os
esquemas da prensa convencional “sen saír das marxes”. O fanzine, xa existente, foi
unha vía de expresión para mostrar a rabia, o enfado e informar sobre os feitos máis
cercanos á xente nova. Son publicacións que non obedecen ao clásico reparto de papeis
dun medio convencional, si hai unha persoa coa idea orixinal e ao mellor esa persoa é
quen publica ela soa, despois pode haber máis xente arredor aportando as súas
creacións e sen que haxa nexos de “liña editorial” entre eles. O punk tivo o seu medio de
comunicación fundamental no fanzine, na creación autoeditada, “non nos deixan os
medios convencionais? Pois creamos nós os nosos medios”.
O fanzine, a partir do nacemento do movemento punk (o real, non o que nos
mostraron), foi a ferramenta de comunicación do mesmo. Punk e fanzine son a ruptura
coa narrativa oficial e oficiosa, é unha nova narrativa que abandona tamén a do fanzine
clásico (ciencia ficción, cultura, etc) deixando de ser fanzine para ser “zine”, sobre todo en
países de lingua inglesa. Fanzine é ruptura porque aparece o que “non gusta”, lese o que
“non se debe dicir”, debúxanse “cousas indecentes, escatolóxicas, obscenas, procaces,
etc., (supoño que moitos pais e nais dixeron aquilo de “e para isto foron á escola?”).
O fanzine é punk por romper tamén co “soño” dun futuro mellor para todos, porque
visualizou o “pesadelo” en que estaba vivindo a xente naquel momento e daba pistas
sobre o “pesadelo futuro”. O fanzine simplemente foi a única vía de expresión para todo o
movemento punk de ruptura co establecido.
2. DIY. é nos fanzines onde o "faino ti mesmo" se mostra máis aparente?
Non é aparente, é real e tamén é visible. “Do It Yourself” (faino ti mesmo) é a
fórmula do fanzine desde o seu nacemento. Os primeiros fanzines eran a vía de expresión
dos “fans” que non podían publicar as súas creacións de ciencia ficción en “magazines”
(de aí o termo “fanzine”) nos EEUU. A ciencia ficción foi importantísima para o nacemento
destas publicacións porque a fórmula é a mesma que describín na resposta anterior: “non
podemos publicar nas grandes editoras? Pois facémolo nós”.
O DIY demostra que as persoas non teñen por que continuar co canon e liñas
establecidas desde o academicismo, sexa o que sexa iso. O DIY demostra que non fai
falta estar “dentro da máquina” para expresarte, para describir o fracaso de determinadas
cuestións, como xa dixen (emprego, cultura, liberdade de expresión, medioambiente,
política, falta de oportunidades na vivenda, etc).
3. O FEMINISMO RADICAL, as RIOT GRRRL. que aportou á sociedade a través dos
fanzines?
Moito, debido a que estes movementos chamaron a atención sobre a falta de pasos
abondo para a igualdade real entre homes e mulleres. O machismo non desaparecera da
música (desde as letras, a composición de grupos, o uso da muller como obxecto, etc). O
feminismo radical e o movemento Riot Grrrl eran mulleres fartas de ver “sempre o
mesmo”. Por moito que falasen de igualdade, as bandas clásicas de rock e tamén as máis
recentes (falo até 1999) seguiron coa fórmula: homes tocando e cantando e as mulleres
como obxecto de atracción (voces de coros, actrices en vídeoclips, groupies e moita máis
cousificación).
O fanzine foi unha das vías para crear sororidade entre as mulleres que crearon o
movemento Riot Grrrl. Usando o DIY acabaron por crear circuítos fóra da industria
mostrando como era posible “unha outra posibilidade” para a expresión de ideas e
movementos culturais absolutamente independentes da industria clásica.
Tamén o fanzine serviulles para esparexer os seus puntos como a liberdade de
elección sexual, a liberdade de estar con quen queres, fomentar o activismo político a prol
da igualdade de dereitos, denunciar a “cultura da violación”, o sexismo institucionalizado e
a denunciar a “interseccionalidade”: disciminación por sexo, raza e clase que sofren
triplemente as mulleres.
Sen o apoio das redes sociais, a Internet (aínda estaba comezando), o movemento
da terceira vaga feminista desenvolveu actividades como concertos, exposicións, etc, e
tamén un intenso labor de información mediante fanzines, únicas publicacións onde sería
posible reflectir o ideario deste movemento.
4. SURREALISMO, DADÁ, SITUACIONISMO como influenciaron?
O situacionismo influiu grazas ao seu posicionamento contra o establecido, a favor
da ruptura de costumes arcaicas, monolíticas, ultraconservadoras e tamén ultrarrelixiosas.
O fanzine, sobre todo o nacido do movemento punk, recolle moito deste posicionamento
de ruptura sistémica.
O dadá e o surrealismo aportaron, directa ou indirectamente, as compoñentes
artísticas para dar saída ás maneiras de expresión como eran os collages, as
fotomontaxes, os textos agresivos, a edición e aplicación de diferentes formatos fóra do
canon establecido.
5. A CONTESTACIÓN contra os valores impostos, misión principal dun fanzine?
A ver, non ten por que ser así. Os primeiros fanzines contemporáneos eran
reproduccións ou case-copias das revistas propias do xénero que abundaban nos anos
20, 30 e 40 do século pasado. Daquela, apenas había contestación, polo menos explícita,
non digo que a houbese implícita.
Mais se falamos de fanzines modernos, a contestación é unha motivación, non un
fin. Os fanzines de ciencia ficción e cultura en xeral seguiron adiante en paralelo aos que
naceran nos 1970 e posteriores con carga política e de contestación. Logo, como sucede
case sempre, a “maquina de picar carne” da industria acabou por absorber o fanzine (en
todas as súas variantes) para convertelo nun elmento de consumo transformándoo ou
recrutando creadores e creadoras (moitas persoas vinculadas ao mundo do cómic
comezaron con fanzines pero case como un “paso curricular”).
6. Pasar á acción é o obxectivo?
Crear un fanzine xa é pasar á acción para materializar un obxectivo. Con todo, o
fanzine é unha vía para dar a coñecer puntos de vista, posicións, etc, que logo poden
acabar converténdose en obxectivos. Desta maneira, a creación de fanzines é unha
acción e un obxectivo. Todo depende do que busques: esparexer ideas mediante os
fanzines é un obxectivo cumprindo unha acción, querer que os fanzines mobilicen
sectores sociais é un obxectivo. Creo que aquí cómpre dicir “depende de cada quen”.
7. O PERZINE, outro xeito de contestar desde o "eu"?
O perzine expresa o “eu” directamente, por tanto, si é unha vía máis de materializar
os pensamentos e ideas íntimas.
Se falamos de posicionamento persoal, o perzine é unha ferramenta máis, aínda
que se fica dentro dun caixón nada vai facer, só axudar a desembafar.
Se falamos do perzine como un posicionamento persoal mais coa intención de
mostrarnos cara o resto das persoas, é unha maneira de contestar desde o “eu” máis
activa.
coda: existe algún fanzine galego sui generis? cales son as correntes? o/os teu/teus
favoritos?
Todos os fanzines, cada un deles, mesmo que haxa exemplares co mesmo nome,
son sui generis. Estamos falando de creacións persoais, personalizadas, teñen o selo de
quen os creou en cada artigo, deseño ou fotomontaxe.
As correntes en Galicia son moi numerosas. Houbo publicacións moi artísticas,
cunha grande elaboración e con forte carga intelectual, aínda que a moitos non llo
parecese. Logo, nos anos 1990 houbo un momento de explosión do fanzine como
ferramenta de contestación, elemento de protesta fronte o inmobilismo, o caciquismo
electoral, a especulación urbanística, o deterioro medioambiental, a destrución do
patrimonio e os fanzines ligados so movemento Bravú, á escena “alternativa” que puidese
haber en cada lugar.
Considero que as correntes non deben ser parte da definición dun fanzine.
Non teño fanzines favoritos, son únicos de máis como para dicir “este é un dos
meus favoritos”.