mércores, 26 de marzo de 2025

 

FEMINISMO: de ronsel pan a ronsel pan


1. QUE CAMBIOU NO FEMINISMO DESPOIS DOS 60-70?


Unha época de revolta, véxase maio do 68. a loita estaba na rúa. As mulleres saían á rúa (“na casa e na rúa, a luita continúa). Berraban, alto e forte, ensinaban os corpos, imperfectos-perfectos e sinalaban ao Patricarcado directamente sen medo, sen tapuxos, sen rencor, sen traumas (“non vos traumedes nunca”) para que todxs saibamos onde está o inimigo. Será posíbel unha reconciliación? Saían á rúa: para transformar o eu e o nós e o ti e o vós. Para transforma-lo todo: “ Se non cambia todo, non cambia nada”. E neses berros temos o xérmolo do Feminismo actual, o da 3ª onda.

Mudou o contexto, quizáis nun mundo máis globalizado; pódesnse facer protestas sincrónicas en todas partes. Pero o Patriarcado segue aí. Diante nosa, como unha porta á felicidade fechada. Onde están as chaves? Onde estamos todas?


2. FEMINISMO EN GZ E PATRIA...


O Feminismo foi desde sempre unha reinvindicación do colectivo nacionalista galego. Xa Rosalía era feminista nun escenario de nacente Feminismo. E éra-o pola súa vida (alonxada do seu marido) e éra-o pola súa escrita, na que as mulleres se perfilan como poseudoras dun poder que non lles vén dado e que tiveron que conseguir loitando. Loitando pola vida, loitando pola escrita, loitando polo traballo...


3. RELACIÓN ENTRE FEMINISMO E SUBDESENVOLVEMENTO...


As mulleres sacaron adiante unha Galiza subdesenvolvida, notamente a comezos do s.XX. Os traballos das mulleres fixeron que Galiza sexa agora unha nación moderna, en termos económicos pero tamén sociais. As mulleres tiraron da Patria, dentro e fóra da Galiza. Porque non obviamos que as migracións foron tamén femininas. As mulleres “fixeron pais” e levaron a Galiza a un estado de desenvolvemento que non se podería acadar sen elas.


4. AS TEORÍAS DA IGUALDADE E DA DIFERENZA ( FEMINISMO DA IGUALDADE, FEMINISMO DA DIFERENZA)...


Mulleres tantas como cada unha., en diferentes ámbitos e posicións, sempre coa intención ineludíbel de empoderarse; de facer súas, as súas propias vidas. De ter un destino de seu, no que o protagonismo absoluto sexa delas, de nós.

Se as mulleres somos diferentes aos varóns, esto significa que (temos) (e) non temos, as mesmas necesidades. Xa dicía Marx, a cada quen o que necesita. Porque a igualdade de dereitos non implica que nós e eles, sexamos iguais. Diferentes son os nosos corpos. Iguais as nosas mentes. Diferentes son as nosas ansias. Para nós iguais as leis.


5. SISTEMA ECONÓMICO E FEMINISMO: FEMINISMO E CAPITALISMO, FEMINISMO E COMUNISMO...


O contraposto Capitalismo- Comunismo, deriva na creación de diferentes feminismos. O feminismo capitalista leva inexorábelmente a que as mulleres se incorporen a un mercado que non deixa de dominar a quen se involucre na súa máquina. A dominación capitalista fai que as mulleres teñan que estar inmersas nunha loita por reivindicacións laborais que incidan na propia vida.

O feminismo no comunismo pon de relevo que non pode haber Revolución sen as Liberación das mulleres, que non pode haber pobos liberados sen mulleres liberadas.


6. FEMINISMO E ANARQUISMO... COMO SE VE O “NON-VOTO”?


Que é o que fai librre a un ser humano? Unha concepción anarquista da vida. Sen donos, sen maridos, sen xefes...Mulleres libres en espazos libres con temporalidades libres, que non as reduzan á súa bioloxía. Porque os corpos só son materia e a liberdade... a liberdade esta nas nosas mentes (“maybe not with words but with your mind)”.


7. AS CAMISEIRAS DE N.Y. … O COMEZO REAL DO FEMINISMO?


O acontecemento foi moi grave. O xefe das obreiras da fábrica textil queimounas a todas por estar facendo greve. Aí xa se viu que ía doer, que ía ser moi dificil; que mesmo poderiamos morrer.... Pero queda como o gran fita do Poder do Feminismo e da crueldade do Patriarcado.


8. PRÁCTICAS FEMINISTAS ACTUAIS...


As Riot Grrrls atravesan o movemento Punk: Destroy, she said. As ganas de acabar con todo.

As FEMEN desde Ucranía fan dos corpos espidos un campo de batalla. “ Vou pola rúa, mirádeme”, dicía Elena Ponistovska. Porque entre ser vistas e ser ocultadas... así se move o fío de nós, equilibristas.


9. A BATALLA DO CORPO... CENTRO DAS REIVINDICACIÓNS FEMINISTAS?


Os corpos abandónan-nos, escápanse-nos, posuímo-los por pouco tempo. E estes vanse transformando, como nun baile. Os cambios que nos acompañan e nos evolúen. E o espiritual, nembragantes, o que non nos deixa nunca? Son as mentes o noso máximo e irrevocábel poder?



10. O SEGUNDO SEXO... SEMPRE SERÁ ASÍ?


Simone xa o dicía e eu, ronsel pan, tamén o digo agora. 75 anos despois. Non mudaron tanto as cousas pero imos consegui-lo, tranquilas...!

 AS PERSONAXES NA NOVA NARRATIVA GALEGA (NNG), CON MANUEL FORCADELA.

  1. Baleiro existencial. Onde atopan refuxio?

Temos que partir da idea de que a NNG é unha reacción contra o realismo máxico que realizaron Cunqueiro e Fole, e tamén unha continuidade do que Blanco Amor xa formulara en A Esmorga. E igual que os escritores e escritoras do Nouveau Roman Français, teñen unha raíz moi marcada na novela existencialista, que dalgunha maneira continúan. Así que non hai refuxio. Só angustia e absurdo. Soidade e introspección. Como o Antoine Roquentin d´ A Náusea de Jean-Paul Sartre, o seu refuxio é a soidade. Vive unha vida solitaria explorando a súa existencia por medio de reflexións filosóficas mentres enfronta a náusea provocada pela percepción do absurdo da vida. Meursault, de O Estranxeiro de Albert Camus, encontra refuxio na aceptación do absurdo da existencia. Logo de rexeitar valores sociais e relixiosos, abraza a liberdade de vivir sen ilusións. Ou como Gregor Samsa n´ A Metamorfose de Franz Kafka, que busca refuxio na súa nova condición de insecto, que simboliza um afastamento tanto físico como psicolóxico da súa opresiva realidade familiar e social. Ou como Juan Pablo Castel d’ El Túnel, de Ernesto Sábato, que se refuxia na súa propia mente incapaz de establecer ligazóns significativas cos outros debido á súa visión sombría e alienada do mundo. En resumo, os personaxes das novelas existencialistas non encontran refuxio no sentido tradicional; pola contra, enfrontan o vacío existencial por medio da introspección, aceptación do absurdo ou fuga (física ou mental), reflectindo a condición humana sen un sentido predefinido.


2. Deriva situacionista. Cara onde van?

O situacionismo como movemento de vangarda europeo que xorde en 1957 e ten un impacto significativo na crítica da sociedade e cultura contemporáneas ten un vínculo evidente co movemento da NNG coa salvidade de que a NNG é marcadamente galeguista. Vangarda e marxismo están neses actitudes vitais e ideolóxicas en sintonía absoluta, son sinónimos perfectos, dúas caras da mesma moeda. Freud e Marx. Psicanálise e militancia, mais sempre desde unha perspectiva crítica. Como a que lle fan ao galeguismo anterior. Non esquezamos o que significa en termos estéticos e de sentido a morte de Ulm Roam, en Retorno a Tagen Ata, de Ferrín.

Hai unha tentativa de fusión entre arte e vida, procurando superar a reparación entre a expresión artística a experiencia do día a día, mais sempre co obxectivo de transformar a realidade social e cultural, indo alén do mero éxito literario.


  1. Protagonismo das cidades. O rural deixa de ser o centro.

O peso do ruralismo, na literatura e na cultura galega de posguerra e anterior, chegou a facerse insoportable, como ben demostrou Antón Figueroa no seu maxistral Diglosia e Texto, escrito a principios dos anos oitenta. Cara a Times Square é un síntoma moi significativo. Vemos cultura galega nun contexto ambiental radicalmente antagónico. Un home paseando por Manhattan ten tanto sentido na súa corrente de conciencia como ese mesmo home paseando por unha paraxe galega rural. O significativo é que cincuenta anos despois o ruralismo pasou á historia. Moi poucas novelas escritas en galego na actualidade atrévense a situar a súa diéxese en ambientes campestres. O virxilianismo de Otero Pedrayo, sendo admirable e antolóxico, era o efecto literario e ideolóxico dun certo tempo. Non podíamos aspirar a ser un Beatus Ille permanente e que poidese definir a nosa esencia (sempre posterior á existencia). Non temos esencia e moito menos unha esencia que dependa da nosa paisaxe e do noso entorno rural. A modernidade en Galicia derivou noutra cousa. Por iso eu creo que a obra de Camilo Gonsar irá gañando máis e máis peso, segundo pasen os anos.

  1. A perda, constante. Que queren conseguir?

Somos un vacío que tenta superar a Perda, a que se configura de partida como o oco baleiro entre o real e o simbólico. Podemos darlle as voltas que queiramos. Mais un cousa é o obxecto real e outra, ben distinta, a palabra que o representa. Por iso Proust non foi quen de encontrar o tempo perdido, malia buscalo e recrealo en páxinas inesquecibles. A conciencia desa Perda é o que se nos mostra, unha e outra vez. Non hai dereito a escribir para crear falsas ilusións, enganos para ilusos. Por iso esa escrita descarnada e valente. Nalgún caso mesmo suicida. Porque a linguaxe tamén nos atinxe a nós mesmos, a cada un de nós, dun xeito directo.

  1. Non aman. Non queren ser amados. Que queren conseguir?

“Amar é dar o que non tes a alguén que non é”, dixo Lacan. Ese é o contexto filosófico e intelectual. Amor eterno. De que eternidade pode falar un mortal. De que amor. O interesante é que isto, posto por escrito, constitúe nese momento unha ousadía. Hai moita afouteza na NNG. ·Estamos feitos de significantes cargados de sentidos inexplicables. E o problema non son os significantes senón os sentidos. Sentidos que, aínda sendo opinables, configuran hábitos e, o que é o mesmo, ideoloxías. Somos, por tanto, excravos das palabras. Liberdade, paz, xustiza... que raio significan? Se eu convirto o meu oficio de escribir nun deconstrución permanente de todo cando escoito dalgún xeito fágome un escritor da NNG. Con máis ou menos xeito, talento, oportunidade. Por iso para min a retranca de fondo que anima a escrita de Camilo convérteo nun ficcionista admirable.

  1. A devastación capitalista. A pobreza. O fracaso lévaos á desesperación?

Marx dixera aquilo do carácter fetichista da mercadoría. O capital, o beneficio, a comisión, a plusvalía. Até chegarmos ao punto en que hoxe estamos. o capitalismo financeiro, en que o capital non se corresponde co traballo, senón co capital mesmo. Podo gañar moito máis diñeiro investindo que traballando. A maxia do capital. Unha máquina que funciona por si mesma. E que conduce a iso que ti denominas devastación. Agora mesmo temos a ameaza de Altri que pretende instalar unha supercelulosa no mesmo centro do país, sen ningún tipo de beneficio para os seus habitantes. O maléfico non é Altri. O maléfico é a máquina fetichista que conduce a iso. Fóra da primacía dos valores que deberían ser os prioritatios.

  1. Nin ver nin ser vistos. A invisibilidade é a resposta da sociedade?

Sermos obxecto de mirada é unha das respostas ilusas á Perda, á Falta, de que falabamos antes. Ser alguén. Os personaxes prototípicos da NNG son os Ninguén. Tipos e tipas feitos de palabras, e que saben que esa é a súa esencia.

  1. Os espazos nocturnos. E na noite onde todo (ou nada) sucede?

A noite e a cegueira. Dalgún xeito podemos postular que a nosa modernidade ten un dos seus múltiples inicios na redescuberta por Freud do personaxe de Tiresias, o cego indixente e sabio profeta que é chamado por Edipo para que lle resolva o problema da peste que asola a cidade de Tebas. Aínda tratándose dun rei que pode ditar matalo, Tiresias non evita contarlle Edipo a verdade do seu caso. Así que a noite tamén é o noso inconsciente, o tempo de aumentaren os contrastes, os brillos e as sombras. Por iso a noite é verdadeira. E non a noite posmoderna que poidamos estar a vivir agora como a noite dos anos sesenta e mesmo anteriores. Esa noite de borrachos e desesperados, de abandonados e indixentes, esa noite clandestina e violenta, de conflito entre os opositores a pintaren consignas nos muros das igrexas e a policía política defensora do Réxime.

  1. O abandono de si propios. Quizáis non se coñeccen a si mesmos?

Aínda tratándose dun personaxe cancelado pola historia polo seu apoio a Hitler e ao nazismo, cabe lembrar o pensamento de Heidegger cando distinguía entre autenticidade e inautenticidade, a partir ou non da asunción da morte. Os personaxe auténticos que poboan a NNG son personaxes que viven sabendo que van morrer e que a interrupción da vida forma parte da propia vida. E que esquecer esa lección elementar non conduce a ningún lugar nin resolve ningún dos nosos problemas como humanos.

  1. A desintegración na sociedade. Por que non existe cohesión?

Homes desintegrados nunha sociedade desintegrada. Humanos que son Outro nunha sociedade que se sabe Outra. Non hai nada que integrar. O único que nos delimita, que nos fai íntegros e enteiros, que nos define, é a morte como horizonte. A patada que lle solta o narrador de Cara a Times Square ao personaxe do Belga na escena final da novela. Onde vas ti, maldito farsante, parece dicirlle, facéndote pasar por Belga, cando todos sabemos que es tan galego coma min. A que se debe ese interese en simular, en darlle outra voz á mesma máscara. No fondo esa sociedade desintegrada chea de humanos desintegrados non é máis que unha metáfora de Galicia. Unha sociedade inauténtica porque esqueceu o horizonte da súa propia morte.


  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...