escola galega de psicoanálise ten o obxectivo de psicoanalizar o anthropos galego a través de produtos culturais, movementos ideolóxicos e creacións artísticas.
xoves, 24 de outubro de 2024
MIRIAM FERRADÁNS Nomes de fume
Os osos dos mortos… a que mortos estás venerando?
Os osos das persoas que amo e que xa non están pero iso non me impide honralos, querelos…sei que venero un concepto, unha idea, seguramente unha imaxe maquillada polo tempo e a memoria pero así o decidín e así é.
As festas tradicionais… que relevancia teñen no poemario?
Moita. A medida que fun medrando, decateime de que as festas das aldeas son un estupendo instrumento para analisar a situación da aldea, as relacións entre veciños e dentro dos propios núcleos familiares. Quizais iso non me interese tanto coma as normas non escritas que se establecen entre nós, os códigos, a reacción do grupo cando ese código se deturpa. Reaccionar ante o perigo de desestabilizar a estructura.
Levas dentro e sae como fume. A que, a quen?
A quen me ensinou a partir sen facer rebumbio. “ O ruído faino cando esteas viva, logo un debe apartarse con elegancia e partir”
A vida, cos conceptos dicotómicos.. ondea topas a beleza? E o contrario?
A beleza adoita atopala nos pequenos e nos grandes actos revolucionarios, nas sublevacións de cada día. Todo canto me amose que unha persoa está viva e exerce como tal. O contrario? na dominación, na negación do outro, a imposición…e, ás veces, cambio de parecer e atopo beleza no exceso e quen non é a imposición senón exceso? a vida igual é eso, irse medindo a unha mesma.
O que non nomeamos faise mostro… esa visión de fatalidade instálase no poemario?
Non creo que sexa fatalista porque ao final o grito aparece, faise preponderante, a voz poética rebélase. Nese aspecto eu non falaría de libro fatalista aínda que si algo angurioso pero creo que con espazo para que entre aire e respirar.
O salvaxe preséntasenos sen concesións no amor. É necesario non estar domesticadas?
Pois depende. Así a priori diríache que non deberiamos estar domesticadas e menos as mulleres, e entédase por tal que non debemos asumir ningunha norma que non sexa dende o máis absoluto convencemento, reflexión e responsabilidade para con nós pero tamén para con todas as mulleres que nos rodean. Estamos sendo atacadas dende a máis absoluta carencia de respecto cara nós como iguais polo tanto en ese aspecto non deberíamos estar domesticadas.
As veces non galopamos senón que nos sentimos encerradas. Que é o que che fai libre?
O silencio e a risa. Calar cando queres, rir cando che apetece. Non dar explicacións, é agotador dalas a toda hora, sempre… Porque si e porque non son respostas moi satisfactorias, aínda que haxa, que sempre a hai, unha motivación detrás. Ser unha inadaptada nese aspecto.
8.Botamos a arder todo o que non queremos, todo o que non nos pertence. Que arde no poemario?
As palabras que non se pronunciaron no seu momento, as situacións difíciles que ninguén explicou, “as cousas que ten a vida” que quedaron pendentes de ser axustizadas. Creo que no rencor. Eu sei odiar pero selecciono que senón é moi canso.
Habitamos e deshabitamos… que función ten o baleiro no poemario?
O baleiro é o lugar desde o que se escribe, a paisaxe toda a redor del.
O exhibicionismo do amor cara quen se foi. Querer que todos vexan cos teus ollos ese baleiro, facelos partícipes, que tamén lles doa. Aquí está o meu monumento cara quen tanto quero, chorádeo comigo e por min. Algo así quería transmitir.
LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...
-
ENTREVISTA FICTICIA CON MANUEL ANTONIO SOBRE “ DE CATRO A CATRO” 1. Cara onde vai a túa singladura? Cara ningures ou cara...
-
ENTREVISTA CO DIRECTOR ALFONSO ZARAUZA SOBRE O SEU FILME ONS 1. Os afectos, ao comezo do filme, no cumio da montaña, de que modo nos con...
-
Entrevista sobre O canto da sibila , poemario de Rebeca Baceiredo. 1. O comezo do poemario ten unha certa aproximación ao medievo con algú...