martes, 14 de xullo de 2026

 

LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA, manuel gago



  1. Que convirte a un lugar nun lugar mítico?


Pois a existencia de tradicións orais -e escritas- que dan conta dun relato sobre o lugar que transcende o histórico e se introduce noutro tipo de coñecemento de carácter máis lendario ou fantástico. Pero a clave do mito é que ademais debe ser compartido por unha comunidade relativamente ampla. Na maior parte dos casos os lugares míticos son coñecidos por unha comunidade pequena (unha aldea, unha parroquia) pero nalgúns casos, a través das achegas cultas, acaban sendo compartidos por unha comunidade máis ampla, como o monte Pindo. Nese preciso o mito sempre cambia, porque a clave do mito é que responde a unha función dentro desa sociedade.


  1. Por que galicia é tan propensa á maxia?


Hai varios motivos para isto. Os primeiros son coxunturais: tivemos a sorte de que determinadas partes da Galicia tradicional chegaran ata nós, e iso permítenos relacionarnos con marcos e discursos que noutros países que sufriron unha industrialización e urbanización máis temperá, como Gales ou Escocia, desapareceron hai moitos anos. Pero outros teñen que ver co noso territorio: a paisaxe galega é moi característica e complexa, e iso fai que as marcas de diferentes culturas quedan fixadas no territorio, sexan visibles para as culturas posteriores e deban ser explicadas. E isto é especialmente relevante por un dos factores máis importantes que define o noso país: a relación coa terra. Galicia é un país de pequenos propietarios que tiveron que defender os seus dereitos durante centos de anos, e iso fai que o exercicio da memoria sexa fundamental para protexer o ben común e o ben privado. A nosa estrutura de pequenas comunidades parroquiais, moitas veces case independentes entre si, tamén favoreceu a diversidade.


  1. Como definirías o termo “mítico” e o termo “maxia”?


Efectivamente, son dúas cousas distintas. O mito, como dixen antes, é un relato compartido que tenta explicar o mundo a unha sociedade determinada e alude aos feitos do pasado. Por exemplo, cando en Pontevedra ou en Tui se dicía que procedían de troianos escapados trala caída da cidade de Troia. Así que o mito pode conter elementos marabillosos pero parecer a cousa máis normal do mundo. A maxia pode estar no pasado pero sobre todo está no presente, e ten que ver co uso de recursos que non pertencen ao mundo convencional e que poden alterar o curso deste. Tipicamente, só determinados invididuos (sobre todo mulleres) teñen a capacidade de provocar a maxia, e esa maxia require unha combinación de aprendizaxe pero tamén de aptitude e mesmo de herdanza familiar.



  1. Os segredos de que forma se transmiten?


Pois de xeito discreto (hahaha!). As comunidades tradicionais galegas contan con numerosos relatos ao redor do valor do silencio, da discreción e de gardar o segredo. Case todas as aldeas teñen algún relato dunha moura ou un encanto que che dá un artiluxio máxico a cambio de manter o segredo da súa existencia e de quen o agasallou. E o artiluxio ou o encantamento perde as súas propiedades cando o beneficiario se vai da lingua.


  1. Como “ver” máis alá?


Non entendo moi ben a pregunta. Se te refires a como hoxe en día nós podemos acceder a todo ese universo de relatos e memorias, o que podo dicir é que aínda segue sendo posible, porque moitas das historias están vivas e máis do que parece. Esta fin de semana conducín un roteiro e unha vella da parroquia contoume con precisión a existencia dun camiño que levaba ata unha igrexa que foi desmantelada en 1689. Pero a clave para conseguilo está en asumir que é un proceso lento, que consiste en escoitar pero sobre todo en saber preguntar, e que hoxe, ao perdermos o universo no que esas historias tiñan máis sentido, temos que formarnos e ler moito para saber ben que preguntar e sobre todo comprender o sentido do que nos contan.


  1. Con que outros reinos antergos podemos ter semellanzas?


O folclore galego é riquísimo, e nel podemos atopar practicamente case todos os grandes motivos da Europa atlántica, con relatos que en moitos casos se remontan moi moi atrás. Ademais, foi o primeiro reino europeo en dispoñer dunha estrutura institucional e territorial artellada, evanxelizado de xeito moi temperán e receptor de numerosas historias a través dos camiños de peregrinación. Así que imos atopar conexións do seu folclore cun vasto mundo ibérico, francés, italiano e por suposto dos países atlánticos.


  1. As pedras, onde se atopan estas pedras que se comunican entre elas?


Na Pena Castrela (Friol), que representan unha moura nai e a súa filla, enfrontadas entre si pola eternidade. Son representantes das numerosas pedras encantadas, que ás veces teñen conxeladas no interior seres do pasado.


  1. A cidade asolagada... onde se sitúa a antioquinia galega?


Pois en moitísimos sitios. Ao deseñar o Mapa tivemos que escoller unicamente tres das numerosísimas cidades asolagadas que hai nas lagoas (pero tamén no mar) de Galicia. Escollimos Duio (Fisterra), Valverde (Ribeira) e Antioquía (Xinzo de Limia) pero poderían ter sido moitas outras. Practicamente non hai lagoa sen cidade asolagada.


  1. Os ananos, de onde xorde a historia do castro de cerqueda?


Pois é un exemplo do importante que é escoitar e ter as orellas abertas e o espirito ben documentado. En cerqueda aludían os ananos que construíron un túnel entre o castro de Cerqueda e unha igrexa próxima, e que alí tiñan un longo ferro. A nós contáronnolo as señoras de Cerqueda, case de miragre, era unha historia case perdida. Hai ananos en moitísimos castros galegos pero como non encaixaban no molde dos “mouros” típicos dos castros que buscaban os antigos folcloristas, pois moitas veces non se recolleron. No mapa tentamos facer visible a diversidade e riqueza de seres da nosa tradición oral, porque tamén a nosa sociedade actual é diversa, rica e chea de xente distinta.


  1. Os animais da fraga do pico sacro... que poders máxicos teñen?


Eles non sei agás a gran besta (o dragón) que habita no Pico, que entre outras propiedades ten a capacidade de paralizar a parte do teu corpo que queda afectada pola súa sombra cando voa... pero nese relato quen ten os poderes máxicos é o vello. No centro de Galicia, máis ou menos entre a Ulla, o Deza, Terra de Montes e o norte da provincia de Ourense, aparece con frecuencia ese tema mítico: unha especie de ermitán vello, con capacidades de dominio da natureza, que convoca o seu redor os animais máis salvaxes do mundo.


11. As torres e as súas desfeitas... que torres míticas aínda se conservan?


En Galicia conservamos centos de torres, pero visibles non tantas porque a maior parte delas as botaron abaixo os Irmandiños en 1465-7. Porén, de todas elas hai memoria e lendas que falan ao redor da súa construción ou dos seres fantásticos que as poboan. Temos desde torres con pantasmas ata a torre que representamos no mapa, Todamira, a señora do gran tesouro, que  era a torre de homenaxe do castelo da Frouseira, no que o mariscal Pedro Pardo de Cela resistiu o asedio das tropas casteláns.


  1. As festas “eternas” do rei garcía... vivimos nunha eterna festa os galegos?


Penso que non, pero iso é precisamente o que nos fai valoralas e sentidas de xeito moi intenso. Pero o relato da festa eterna do bo rei García é unha historia moi antiga que debe proceder directamente da Idade Media, onde no mundo atlántico era moi frecuentes as lendas sobre pazos subterráneos nos que se viven festas eternas. Eses relatos que aparecen no Mabinogion galés tamén os vemos en Galicia e, neste caso, en Ribadavia, que é onde os monxes do mosteiro de santo Domingo, pola súa propia comenencia, mantiveron a memoria do rei García.


  1. Volvemos ás pedras... cales son as fazañas do cabaleiro roldán?


Roldán é un dos grandes heroes da mitoloxía tradicional galega, aínda que moita xente, como non é un mito celta, non o valora nada. Ten que ver coas profundas conexións entre Galicia e Francia na Idade Media e o gusto que houbo polas historias cabaleirescas. Nos mitos galegos aparece caracterizado como un portentoso guerreiro capaz de fender pedras, deixar pegadas nas rochas ou mesmo conseguir que Deus atrase a chegada da noite. No Mapa tamén quixemos ser inconformistas e disruptivos, chamando a atención sobre mitos que foron moi importantes na sociedade galega durante séculos e que, ben no Rexurdimento ou ben no nacionalismo dos anos 70-80 se despreciaron.


  1. A figura do demo... que representa en galicia?


Pois é unha figura bastante divertida, porque a diferencia doutros países nos que o demo é un ser totalmente maligno, a clave dos relatos galegos é que sempre pode ser bulrado. É dicir, a tradición oral galega asume que se o demo ten capacidade de enganar e facer o mal -que a ten- os homes temos tamén a capacidade de enganalo e facerlle mal a el. É algo moi divertido e curioso.


  1. Cal é a importancia da tradición oral?


Pois é moita, porque é unha memoria que se comunica de xeito directo, no ti a ti, e polo tanto está asociada á empatía, ás emocións e á construción vital. A tradición oral é capaz de outorganos unha dimensión única do mundo que nos rodea, porque convirte o territorio nun espazo cheo de sentidos e recordos, irmandando o noso sentir invididual co sentir colectivo dunha comunidade. É fundamental para construírnos como seres humanos e, en países como Galicia nos que aínda podemos gozar dela, deberiamos ser conscientes do privilexio e do único que resulta escoitala e transmitila.


xoves, 25 de xuño de 2026

 

 A “DIVERSIFICACIÓN”* DO EU NOS PROCESOS COMUNICATIVOS, NOTAS



- Tamén somos o que contamos

- A quen llo contamos non debe importar se o facemos desde o eu

- O recebemento queda á marxe

- Asumimos diferentes posicións ao evoluir na existencia

- Co tempo, crecemos e aprendemos

- Diriximos a personalidade en actos comunicativos

- Estos actos son unha das esencias do ser humano

- Somos, dicía, o que contamos, o que levamos dentro e sacamos

- A excepción está nos segredos

- Cando nos mostramos, faise, a delicadeza das verbas, carne na pel do outro

- A comunicación dun mesmo tamén pode ser efectiva

- Para con nós mesmos, non podemos ocultar

- Sabémo-lo todo do noso propio eu

- Tamén os outros poden obsequiarnos con descovertas de partes de nós, que non coñeciamos

- Así, somos tamén o Outro

- Alteridade contínua nos actos comunicativos

- Monólogos, interiores e exteriores, excepcións

- A “diversificación” provoca que, segundo o interlocutor, saquemos de nós uns aspectos ou outros

- Uns contos, ou outros, nos entido galego do termo que indica non-ficción

- Tamén podemos mentir

- Para que a mentira?

- O Mundo é como é

- Nós somos como somos, sen lugar para as incertezas

- A comunicación efectiva e o ruído

- Desde actos surrealistas, acharemos máis significados no ruído

- Apoloxía do oculto

- Chegamos aos demáis a través de fragmentos da personalidade

- A totalidade do eu

- As escollas para os interlocutores

- Os grupos: factores identitarios comúns

- Ser “eu” no colectivo

- Agarrarse ás esencias

- Depuración e perfeccionamento do eu

- Diluírse na masa

- Sabemos o que a cada quen lle pode interesar

- Pontos comúns que unen

- As diverxencias das que pode saír unha síntese

- Para que mostrarnos?

- Os fenómenos de ocultación

- En xeral, queremos que os outros saiban como somos

- En evolución permanente: as “actualizacións”

- O automatismo de ser e facer o mesmo

- O propio Tempo fai avanzar cara “espazos mentais” que antes non existían

- Nada permanece, todo cambia, Quizáis as esencias

- A linguaxe é determinante se é consciente

- Se dicimos o mesmo, seremos o mesmo?

- Dicir e ser como un binomio necesario

- O lugar do silencio: devolvernos á calma, á confianza

- O yin e o yan, contrarios-complementarios que acadan un equilibrio necesario


* termo creado por Estela Pan Vázquez




sábado, 9 de maio de 2026

 

PSICOANALIZAR O NAZISMO, esbozo


O principal, no nazismo, é o control das mentes. As persoas convértense nunha especie de “masa” obediente, que aplaude e festexa calquera acto de exaltación. En contrapartida ao “control” desde fóra, está a liberdade. A liberdade supón actuar desde o máis absoluto eu. Aquí non hai “eu” senón “masa uniforme”. Cada ser humano ten un propósito, todos somos seres únicos. A cuestión das afinidades implica desenvolver “proxectos comúns”. Pero sempre desde o eu. Actuar e pensar desde o eu. No nazismo, ao contrario, as decisións veñen dunha instancia superior. Así podemos dicir que nazismo e liberdade son opostos. A exaltación -nominatus antea- leva aparellada unha “posta en escena” que se mantén no tempo e no espazo de forma orgánica, como unha prolongación dos corpos. Corpos submisos. Esta posta en escena require milleiros de corpos controlados e asimesmo de mentes controladas. Nada escapa á “maquinaria” nazi. No traballo, nas casas, nas rúas, o poder “supremo” (de Hitler) está omnipresente. Unha oda constante a unha personalidade construída para someter á poboación. Non é unha sociedade “libre” e unha sociedade sometida. Cada detalle da vida está sostido por “rituais” nazis. As mentes sometidas. Que pensa unha persoa baixo un rexime nazi? Pensa en estar “integrado” nun sistema político que ineludibelmente, está por riba de calquera decisión persoal. O que elixen, vén dado; o que pensan vén dado. Nada escapa ao control das ideas, e da vida mesma.

venres, 17 de abril de 2026

 

O “complexo de clase”


Existen complexos da infancia que van máis alá e se poden prolongar no tempo, que son os que, de agora en diante, chamarei “complexos de clase”.


Refírome a nenos fillos da clase obreira aos que a sociedade no seu conxunto e os demáis nenos non procedentes desta orixe, lles fan crer que son menos, e están menosprezados, por ter pais obreiros.


O complexo, que pode derivar nun trauma, e xa se crea na infancia, pero pode extenderse no tempo.


Rexéita-se falar dos pais por mor de non nomear a súa profesión. Nembargantes incluso poden mentir sobre a profesión dos pais. E asimesmo poden identficarse con familiares que si teñen un posto de traballo recoñecido, e "discriminando" os pais.


Estamos ante un fenómeno de “OCULTACIÓN” por vergoña.


Do outro lado, existe o que podemos denominar “orgullo proletario”. Un movemento ideolóxico que promove a “loita de clases”. Tendo en conta que a fin última desta é a abolición das clases e a  instauraración  dunha sociedade sen clases.


Cómpre considerar tódalas profesións dignas e proclamar a necesidade de poñer tódolos traballos á mesma altura. Unha necesidade vital para acabar cos complexos de clase. E ter sociedades sás. Tamén a galega.


{PROXECTO A DESENVOLVER}

mércores, 11 de marzo de 2026

LE PARADIS, de María Ruído a partir de Marguerite Duras 

Este filme de María Ruído [cf. Work & Words] preside o espazo a ela adicado na S8 Mostra de cinema periférico da Coruña. A infancia e a maternidade son os eixos temáticos da mesma, nunha composición que indica por medio de imaxes estes aspectos chaves para a condición feminina e humana.

Fechar o ciclo como se dunha apoloxía do non domesticado se tratase e refacer a trama para poñer no centro un animal salvaxe.

A domestificación impón as súas regras que hai que saber atravesar para facer do asento unha invitación ao salto.

Saltar do berce como ese gato que non quere por límites a súa existencia e que transita libre entre roseira e roseira.

A imposición social de ser nai vén da man dos xogos da infancia e dos obxectos cos que nesa época nos relacionamos. Unha especie de epifanía desenvólvese nese tipo de xogos para encaixarnos nos roles que se nos asignan.

Esa nena en primeiros planos co seu carriño e coa pretensión de facer do dito gato unha especie de bebé devólvenos á idea primitiva de cousificar a descendencia e todo baixo a ollada perplexa dunha nai que aquí é mera observadora.

Son catro minutos de filme rodado nun xardín e en branco e negro que nos dispón diante dunha acción gravada con planos curtos que retratan un momento significativo: o da fuxida, a fuxida cara a liberdade.

Si, é un filme de liberdade, de aquelo que xorde polos camiños dunha música improvisada, e que nos leva cara roteiros non perfilados: saír do berce, como ese gato que non quere ser o fillo desa nena.

Soster a dúbida da maternidade cando pouco nos importa que o gato marche, cando moito nos importa ser donas do noso corpo.

Calcular sinerxias e establecelas como punto de partida para acadar unha actitude crítica en torno as maternidades. Parir non é o destino da muller.


xoves, 29 de xaneiro de 2026


MITOS E COMPLEXOS AMOROSOS


A idea fundamental é a de ampliar o complexo de Edipo de Freud a través da análise (psicocnálise) de mitos gregos. Pois estos influencian na concepción do Amor na latitude occidental, Europa, e aplicábeis á realidade galega.


Así os mitos serán os seguintes: NARCISO, SÍSIFO, DÉDALO, EROS, PSIQUE, ANTÍGONA, AFRODITA



a súa implicación na concepción amorosa:


narciso: quererse máis a si mesmo que ao amado.


sísifo: facer esforzos no amor para nunca conseguir nada.


dédalo: non saír dun labirinto relacional.


eros: ocultarse á persoa amada.


psique: ser a “máis bela” e ter problemas por elo.


antígona: vingar ao amado.


afrodita: anoxarse por haber outra “máis fermosa”.


(PROXECTO A DESELVOLVER)

xoves, 27 de novembro de 2025

 

ENTREVISTA FICTICIA (1ª PARTE) Á PERSONAXE-NARRADORA DE MERLÍN E FAMILIA  (ÁLVARO CUNQUEIRO)


-  Os espazos determínan-nos... Onde se sitúa o Campo dos Trobos?


Adéntrase rubindo volta a volta pola fraga de Eirís, que é tan mesta: o camiño vai un pouco a rentes do río, e cando gana o chan, onde chaman Paradas, métese por entre os lamagueiros hastra onde dicen Pontigo, que é unha ponte baixa de madeira, na que mui gostoso é de ouvir o trote corto dos cabalos dos viaxeiros que van e vén, camiño de Belvís.


- En que deviron os muíños de Pontigo?


Son agora dúas moreas de pedra moura, nas que a hedra encalla e medra, pro eu lémbrome aínda de cando moían o trigo valeco i o centeo das chairas, i había mazeiros ao longo das presas; o vento tiraba mazás á iauga, e sempre había ducia delas, verdes ou coloradas, bailando na escuma espesa i marela, cabo á enrella das canles.


- Cal é a paisaxe desde Miranda?


Dende Miranda vese Esmelle todo arredor, o castelo deBelvís, a fraga da Serpe, a lagoa dos Cabos, e de día, a seu carón o fume das ferreirías do Vilar. Pola noite, dende Miranda, eu poñía-me a ollar cómo se alcendían as luces de Belvís nas outas i aparelladas torres, i en comparanza con elas, como pousadas no chan, as luces de Vilar: cando corría vento de Meira, eu tíñame porque ouvía as badeladas dos mazos dos ferreiros. Dende Miranda vese todo o chan de Quintás desde o Castro, i as centeeiras darse en ondas, coma o mar, ao amor da brisa, o ir e vir das mulleres á fonte do Couso.


- Vostede onde moraba?


Eu dormía no faiado, nunha cámara estreita, que tiña un ventano que cadraba mesmo enriba do catre. Tomei gosto, pola noitiña, de rubirme a iste, i estarme unha hora asomado. I el era polas luces. En Esmelle, na noite, todo se facía con luces. Xa non digo as luces de Belvís, que van as miraba rubir e baixar, coma paxaros acesos, polas fiestras das torres ambas; por veces todo Belvís quedaba ás escuras, i a pouco, alcendíase unha luz pequeniña, coma o ollo dun moucho, no balcón da portalada, e isa luz corría polo castelo.


- Cando viu a trabe de de ouro?


Unha maña de sega foi cando vin na lagoa o barco veleiro, i outra de outono cando vin no outo do Castro a trabe de ouro.


- Como se vive o inverno en Esmelle?


O inverno é longo, longo, en Esmelle. I agás que caia unha lúa de xeadas, todo il é de choiva e neve. Pero o verán é doce, e tamén a outonada.


- Como eran as festas de Merlín?


Ás vegadas o señor Merlín saía á eira, e nunha copa de cristal chea de auga verquía dúas ou tres gotas de licor que il chamaba “dos países”, e sorrindo, con aquela aberta sorrisa que lle enchía a branca faciana como enche o sol a mañán, preguntábanos de qué coor queríamos velo mundo, e sempre que a min me tocaba responder, eu decía que de azul, i entón Merlín botaba a iauga, ao áer, e por un segundo o mundo todo, Esmelle todo arredor, as brancas torres de Belvís, as pombas i o can Ney, o roxo pelo de Manoeliña, a branca barba de mi amo, o cabalo tordo, as bidueiras de Quintás i o toxo da coroa do Castro, todo era unha longa nuben azul que pouco a pouco se esvaía.


- De onde procedía Merlín?


O señor Merlín, asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado pra Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito.



- Pode describirme a Xenebra?


A primeira da casa, despoixas de don Merlín, era mi ama dona Ginebra. Era unha señora mui sentada, verán e inverno coa súa peleriña negra mui bordada con abaloiros. Tampouco era do país, e prendía algo na fala. Tiña un pelo loiro mui fermoso e longo, que recollía nun grande moño, e nunca vin pel tn branca como a súa. Outa e máis ben gorda, tiña un gran andar, i era mui graciosa de seu no mando, algo súpeta eso si e por veces seca... Decían que era viúda dun grande rei que morreu na guerra, e tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro.



- Coñeciu a moitos persoeiros...Que lembranzas ten do deán de Santiago?


Lémbrome do señor Deán de Santiago, cando veu a Miranda a mercar o quebranoces, coas antiparras postas lendo no bordado, decíndolle a mi ama que atopaba ao señor Tristán mui parecido e que doña Oriana cáseque falaba. Eu estaba na porta do salón esperando permiso pra ofrecerlle a Súa Señoría un vasiño de viño de Getafe con biscoitos rizados.

mércores, 29 de outubro de 2025

Entrevista sobre  O canto da sibila, poemario de Rebeca Baceiredo.

1. O comezo do poemario ten unha certa aproximación ao medievo con algún dos símbolos do mesmo. De que maneira te achegas a este periodo?

Dende as últimas revisións históricas que o mostran como un período non tan escuro coma se nos contou, dende a perspectiva da Modernidade triunfante. Recollo, entón, ese espazo que non recae inexorablemente dentro da lóxica racional, ese espazo de multiplicidade e ‘desorde’ que igual non era tal, senón simplemente a vida.

2. Aperece nomeada tamén a India. Que ten de determinante?

A India realmente funciona como un clixé cultural dende hai décadas ou séculos. Pero eu fun un par de veces hai anos e, fóra do preconcepto , a experiencia é moi estimulante para os sentidos, e non sempre idílica: os olores, as cores, os silencios nos rostros e os ruídos nas rúas, a beleza e a pobreza extremas, talvez activando ese odioso exotismo da pobreza, porque esa outra realidade e racha a dicotomía da nosa lóxica e mesturamos entón as dúas nocións como fantasmagorías,... Esa indeterminación que se pode manter na experiencia estética e que é imposible –e probablemente pouco aceptable etica ou politicamente- na lóxica, é a que está trazada no poemario. Non porque nada signifique nada, senón pola pluralidade de sentidos non sempre excluíntes.

3. O real entra no desexábel/non desexábel… Como transforma a realidade plural nunha experiencia palpábel?

 O real ou é o desexo inmanente ou non forma parte do desexable, en tanto que non é transcendente aínda con respecto a un suxeito: o real non é espazo de representación. A selección que fai, por necesidade da especie, por obriga existencial ou vontade persoal un suxeito a partir dese real é a realidade. A realidade é esa experiencia palpable. Atopar o real na realidade quizais é o que a pode devir máis plural.

4. O cristianismo tamén está presente… Como é o teu achegamento á relixión? 

O xogo que realizo co cristianismo é un xeito de subverter esa tradición ou a maneira de atopar o inmanente nela, as raíces gnósticas. Non me interesa a transcendencia nin as relixións reveladas, ben empapadas de poder, nun sentido ortodoxo. Trátase, precisamente, de desfacer conceptualmente eses dispostivos envelenados. O que penso do cristianismo é que é un sincretismo que simplifica as tradicións anteriores, pero paréceme un risco grande confundir, a base de simplificar, os símbolos con referentes. A ignorancia, as lecturas unívocas, son inxustas e perigosas.

5. Morrer e nacer/nacer e morrer… cando é por que morres, cando e por que resucitas?

Baixar e subir potencias (que non poder). Realmente os mitos falaban dos procesos da vida externa, da natureza, e das vidas internas, psíquicas, que pasan, parece que necesariamente, por tales procesos. Penso que as investigacións biolóxicas tamén están nese terreo.

6. Que tanto de ruralidade hai no poemario?

 Moita, grande parte foi escrito na aldea. E en determinadas accións ou estados físicos claramente aparecían os estados metafísicos. Penso que tamén diso van os haikus...

7. O deserto por onde transitar… onde o sitúas?

Os desertos poden ser as potencias baixas, baleiras. Pero tamén poden ser un nivel mínimo de subxectivación que precisamente che permite conectarte con acontecementos, aumentar a conectividade: esas son as potencias altas. Os desertos, nese sentido, serven para baleirarse, pode haber un certo horror vacui, pero ao aprehender ese estado revértese na riqueza do múltiple.

8. Referencias ao mundo árabe… é un poema de mestizaxe?

Interésanme as metafísicas e atráeme a mística sufí. Pero lembro chamadas do muecín de madrugada estando eu en distintos países musulmáns. Ese son, ese ton, é unha vibración moi interesante.

9. A hipotética salvación… por que vén dada?

 Por unha mesma, que non é o ego.

10. A doenza.. como atravesa-la? 

Facendo lecturas apropiadas do acontecemento.

11. O paso do tempo, como vivi-lo? 

Non creo moito no tempo. Penso na enerxía, na vitalidade, en facer cousas, o que non quita ter experiencia do baleiro, tamén. Penso que é necesaria para manter os niveis de enerxía. Deste xeito tense dabondo para ser agradable cos demais, etc.

12. O corpo, como se fai a si mesmo?

 Creo moito no poder da mente...

luns, 1 de setembro de 2025

 XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA fala sobre desigualdades a partir do libro de Thomas Piketty "Capital e ideoloxía"


domingo, 6 de xullo de 2025

mércores, 25 de xuño de 2025

 

ENTREVISTA CO DIRECTOR ALFONSO ZARAUZA SOBRE O SEU FILME ONS


1. Os afectos, ao comezo do filme, no cumio da montaña, de que modo nos

conforman?

O filme fala do final dunha relación longa, de moitos anos, de dúas persoas adultas. Non

do comezo dunha relación fértil cando todo é xenerosidade e atención. Fala da parte final,

de cando se extingue unha relación polo egoísmo tóxico e o desgaste vital. Cando en

moitos casos este desgaste provoca que entre en xogo a traición e os ciumes.


2. “Veña, non pasa nada, vou buscar algo de luz” di melania cru. Onde atopamos a

luz? Ese tipo de luz q ilumina as nosas existencias?

Hai un momento no filme no que o personaxe de Isabel, a fareira, fala dos paradoxos do

faro, unha luz que te ilumina na inmensidade da escuridade oceánica e á que te queres

achegar para sentirte seguro pero se te achegas demasiado a esta luz tamén podes

encallar e afundir. Estes son os paradoxos do faro e do amor. Esta é unha metáfora sobre

a idea do amor en moitas parellas e relacións.


3. Unha mudanza ( á illa de Ons) Como pode ser determinante. Fixeches moitas

mudanzas?

Isto ten que ver coa idea da topografía sentimental de Dimitris Pikionis. Como os

espazos, os lugares e os seus climas nos afectan. Tamén existe a idea do escapismo

para tentar resolver ou evadir os problemas escapando do lugar ou espazo habitacional

habitual. Este tratado de etoloxía titulado “Topografía sentimental” é o que o personaxe de

Mariña (Melania Cruz) está traducindo e sirve como excusa para tratar este tema.

Eu, como cáseque todo o mundo, durante moitos anos da miña vida fixen moitas

mudanzas físicas e emocionais. Pero non creo que sexa interesante falar de min

directamente senon a través do que expreso nos meus filmes.


4. Melania cruz pon unha lámina na parede do cuarto. Por que escolliches Chirico?

De Chirico está moi relacionado con Pikionis, eran gregos, amigos e compartían ideas

estéticas e conceptuais. A pintura metafísica de De Chirico encaixa como unha luba para

adentrarnos neste tema da topografía sentimental e a melancolía dos espazos, os lugares

e o tempo. O cadro de O enigma da chegada e da tarde fala disto. O personaxe de Mariña

está profundizando e intentando entender o traballo de Pikionis para poder traducilo por

iso se inspira en De Chirico, como idea de que está a afondar na comprensión profunda

da obra de Pikionis.


5. Os plans comúns... como se mantén viva unha parella? ( nos filmes)

Interésame máis a idea de porque se mantén viva unha relación de parella morta que no

fondo é como o enigma dos cogumelos que nacen nos troncos mortos.


6- O aillamento (o faro da illa)... como combinar a soidade coa sociedade?

Contesto á 6 e 7 xuntas. O illamento é un tema esencial do filme, podes estar illado

físicamente nunha illa ou podes estar illado emocionalmente estando acompañado. Hai un

diálogo do personaxe da fareira que finalmente non está no filme porque quiteino na

montaxe porque parecíame demasiado explícito e evidente. Ela dicía que vivir na illa é

duro porque pasas unha parte do ano soa ou con pouca xente perto, pero que cando viviu

en Madrid para ir a estudiar, nunca se sentira mais sola na súa vida rodeada de xente

pegada a ti no metro. Para ela a soidade que lle proporciona a illa é liberdade.

A idea de illa no filme é fundamental porque as illas teñen unha parte visible que emerxe

por enriba do mar e unha parte agochada que subxace por debaixo do mar. Unha parte

que se agocha e unha parte que se amosa. Todos os personaxes do filme teñen isto,

unha parte que amosan e unha parte que agochan, e a parte que agochan con frecuencia

é mais importante que a que amosan. Por iso rodei todo o filme con planos secuencia nos

que hai unha parte en cadro e unha parte fora de campo, fora de cadro, e ámbalas son

igualmente importantes.


7. “A soidade é liberdade” di marta lado. Como adquires liberdade?

Pois o personaxe de Marta a busca en soidade, outros personaxes doutros xeitos.


8. A inseguridade por momentos ... di melania cruz a marta lado. Estamos inseguros

cando non atopamos os nosos obxectivos?

As veces, cando non estamos sanos e as relacións apodrecen e te enferman, podemos

empezar a ver fantasmas en formas moi diversas como os ciumes. Por iso é importante e

desexable ter relacións plenas e sanas.


9. Vendo partir un barco... (calquera barco)... supón abrir ou fechar outras posibilidades?

A idea de illa estaba contida no filme por iso se titula ONS. As illas teñen límites físicos

abarcables . Unha xeografía acotada e limitada, isto parecíame interesante como marco

espacial no que desenrolar a historia.


10. Paseos en soidade, os de melania cruz... poden aclararnos dúbidas?

O personaxe de Mariña fai running arredor da illa en diferentes momentos do filme como

un rato nunha roda, non vai a ningures, simplemente corre para escapar de si mesma sen

conseguilo., porque é movemento estéril, que non vai a ningún lugar, sempre volves ao

mesmo sitio.


11. Como vivirias unha agnesia, que farías? (como a muller extranxeira que atopan na

praia)

A idea da amnesia no personaxe da extranxeira é deliberadamente ambiguo. Pode ter

amnesia ou pode facer que ten amnesia.


12. “O vendaval do sur, sábese cando entra pero non cando sae” (di De lira)... ao igual

que a vida?

Exactamente


13. “Estoume afixiando nesta illa. Necesito saír de aquí, ver xente nova” (di melania cruz).

Como nos salva a xente?

Máis ou menos está contestado nas anteriores preguntas.


14. “Tes que observar as cousas tódolos días como se fose a primeira vez”(di Morris). De

verdade, estamos preparados para a repetición?

O personaxe de Morris, Vicente, vai vampirizando ao de Mariña. El chega ao principio do

filme enfermo física e emocionalmente, e pouco a pouco a illa vaille prestando, por iso

egoístamente, sen pensar en Mariña, decide quedar máis tempo. Ao de Mariña pásalle o

contrario, chega sana pero a illa e as cousas que pasaron vaille absorvendo a enerxía.


15. Cal é a túa “topografía sentimental”?(no filme, dixit)

Como a de cáseque todo o mundo, os lugares da miña infancia e do tempo pasado.

sábado, 12 de abril de 2025

 

ENTREVISTA FICTICIA CON MANUEL ANTONIO SOBRE “ DE CATRO A CATRO”



1. Cara onde vai a túa singladura?


Cara ningures ou cara todos lados


2. Por que foches quedando só?


Porque o meu triste corazón se afasta da xente...


3. O barco, que queres transmitir con esta verba totémica no poemario?


É o que nos fai manternos a salvo das tormentas oceánicas, véxase o simil coa vida


4. S.O.S... estás pedindo axuda?


Estamos pedindo constantemente amor pero poucos están dispostos a dá-lo e si case sempre a recibi-lo.


5. O mar é símbolo de liberdade?


A liberdade so mar é unha cuestión que atinxe só a aqueles que logran e queren afastarse da terra firme, onde non hai referentes materiais... quizáis algunha illa...


6. E o amor... cres que é necesario?


Moitas veces a carencia de amor é máis necesario aínda; non amar pode darnos máis.


7. O poder das pedras, das illas, que determina?


As pedras sinálan-nos o camiño, grazas ás illas sabemos a onde podemos ir ou a onde non.


8. Tés medo aos naufraxios?


Naufragamos día a díaa nesta existencia. Saír a flote é un acto de resistencia. Naufragamos e resistimos a partes iguais. O un levo ao outro. Son indisolúbeis.


9. O faro é unha salvación?


A luz que nos ilumina fainos deixar atrás o escuro. Sálva-nos si, da escuridade, e moitas veces da mesma morte.


10. Necesitamos o silencio?


Necesitamos a calma que dá o silencio; as veces, nin sequera nos atrevemos a falar... porque falar leva consigo a perda.


11. O vento cara onde nos leva?


De segures cara o descoñecido, cara aquilo incluso que sempre quixemos encontrar ou mesmo ao lugar que xorde cando non queremos encontrar nada.


12. O nihilismo como doutrina existencial?


A existencia é ao máximo que podemos aspirar como seres humanos. Non querer nada é quere-lo todo.


13. As estrelas ollán-nos ou ollámolas a elas?


Mirar as estrelas fainos sentir plenitude. É entrar noutra dimensión, noutra latitude que recibe a inmensidade. O que está máis alá de nós propios.


14. Como é o teu “eu”?


EU SON! E con iso xa o digo todo.

mércores, 26 de marzo de 2025

 

FEMINISMO: de ronsel pan a ronsel pan


1. QUE CAMBIOU NO FEMINISMO DESPOIS DOS 60-70?


Unha época de revolta, véxase maio do 68. a loita estaba na rúa. As mulleres saían á rúa (“na casa e na rúa, a luita continúa). Berraban, alto e forte, ensinaban os corpos, imperfectos-perfectos e sinalaban ao Patricarcado directamente sen medo, sen tapuxos, sen rencor, sen traumas (“non vos traumedes nunca”) para que todxs saibamos onde está o inimigo. Será posíbel unha reconciliación? Saían á rúa: para transformar o eu e o nós e o ti e o vós. Para transforma-lo todo: “ Se non cambia todo, non cambia nada”. E neses berros temos o xérmolo do Feminismo actual, o da 3ª onda.

Mudou o contexto, quizáis nun mundo máis globalizado; pódesnse facer protestas sincrónicas en todas partes. Pero o Patriarcado segue aí. Diante nosa, como unha porta á felicidade fechada. Onde están as chaves? Onde estamos todas?


2. FEMINISMO EN GZ E PATRIA...


O Feminismo foi desde sempre unha reinvindicación do colectivo nacionalista galego. Xa Rosalía era feminista nun escenario de nacente Feminismo. E éra-o pola súa vida (alonxada do seu marido) e éra-o pola súa escrita, na que as mulleres se perfilan como poseudoras dun poder que non lles vén dado e que tiveron que conseguir loitando. Loitando pola vida, loitando pola escrita, loitando polo traballo...


3. RELACIÓN ENTRE FEMINISMO E SUBDESENVOLVEMENTO...


As mulleres sacaron adiante unha Galiza subdesenvolvida, notamente a comezos do s.XX. Os traballos das mulleres fixeron que Galiza sexa agora unha nación moderna, en termos económicos pero tamén sociais. As mulleres tiraron da Patria, dentro e fóra da Galiza. Porque non obviamos que as migracións foron tamén femininas. As mulleres “fixeron pais” e levaron a Galiza a un estado de desenvolvemento que non se podería acadar sen elas.


4. AS TEORÍAS DA IGUALDADE E DA DIFERENZA ( FEMINISMO DA IGUALDADE, FEMINISMO DA DIFERENZA)...


Mulleres tantas como cada unha., en diferentes ámbitos e posicións, sempre coa intención ineludíbel de empoderarse; de facer súas, as súas propias vidas. De ter un destino de seu, no que o protagonismo absoluto sexa delas, de nós.

Se as mulleres somos diferentes aos varóns, esto significa que (temos) (e) non temos, as mesmas necesidades. Xa dicía Marx, a cada quen o que necesita. Porque a igualdade de dereitos non implica que nós e eles, sexamos iguais. Diferentes son os nosos corpos. Iguais as nosas mentes. Diferentes son as nosas ansias. Para nós iguais as leis.


5. SISTEMA ECONÓMICO E FEMINISMO: FEMINISMO E CAPITALISMO, FEMINISMO E COMUNISMO...


O contraposto Capitalismo- Comunismo, deriva na creación de diferentes feminismos. O feminismo capitalista leva inexorábelmente a que as mulleres se incorporen a un mercado que non deixa de dominar a quen se involucre na súa máquina. A dominación capitalista fai que as mulleres teñan que estar inmersas nunha loita por reivindicacións laborais que incidan na propia vida.

O feminismo no comunismo pon de relevo que non pode haber Revolución sen as Liberación das mulleres, que non pode haber pobos liberados sen mulleres liberadas.


6. FEMINISMO E ANARQUISMO... COMO SE VE O “NON-VOTO”?


Que é o que fai librre a un ser humano? Unha concepción anarquista da vida. Sen donos, sen maridos, sen xefes...Mulleres libres en espazos libres con temporalidades libres, que non as reduzan á súa bioloxía. Porque os corpos só son materia e a liberdade... a liberdade esta nas nosas mentes (“maybe not with words but with your mind)”.


7. AS CAMISEIRAS DE N.Y. … O COMEZO REAL DO FEMINISMO?


O acontecemento foi moi grave. O xefe das obreiras da fábrica textil queimounas a todas por estar facendo greve. Aí xa se viu que ía doer, que ía ser moi dificil; que mesmo poderiamos morrer.... Pero queda como o gran fita do Poder do Feminismo e da crueldade do Patriarcado.


8. PRÁCTICAS FEMINISTAS ACTUAIS...


As Riot Grrrls atravesan o movemento Punk: Destroy, she said. As ganas de acabar con todo.

As FEMEN desde Ucranía fan dos corpos espidos un campo de batalla. “ Vou pola rúa, mirádeme”, dicía Elena Ponistovska. Porque entre ser vistas e ser ocultadas... así se move o fío de nós, equilibristas.


9. A BATALLA DO CORPO... CENTRO DAS REIVINDICACIÓNS FEMINISTAS?


Os corpos abandónan-nos, escápanse-nos, posuímo-los por pouco tempo. E estes vanse transformando, como nun baile. Os cambios que nos acompañan e nos evolúen. E o espiritual, nembragantes, o que non nos deixa nunca? Son as mentes o noso máximo e irrevocábel poder?



10. O SEGUNDO SEXO... SEMPRE SERÁ ASÍ?


Simone xa o dicía e eu, ronsel pan, tamén o digo agora. 75 anos despois. Non mudaron tanto as cousas pero imos consegui-lo, tranquilas...!

 AS PERSONAXES NA NOVA NARRATIVA GALEGA (NNG), CON MANUEL FORCADELA.

  1. Baleiro existencial. Onde atopan refuxio?

Temos que partir da idea de que a NNG é unha reacción contra o realismo máxico que realizaron Cunqueiro e Fole, e tamén unha continuidade do que Blanco Amor xa formulara en A Esmorga. E igual que os escritores e escritoras do Nouveau Roman Français, teñen unha raíz moi marcada na novela existencialista, que dalgunha maneira continúan. Así que non hai refuxio. Só angustia e absurdo. Soidade e introspección. Como o Antoine Roquentin d´ A Náusea de Jean-Paul Sartre, o seu refuxio é a soidade. Vive unha vida solitaria explorando a súa existencia por medio de reflexións filosóficas mentres enfronta a náusea provocada pela percepción do absurdo da vida. Meursault, de O Estranxeiro de Albert Camus, encontra refuxio na aceptación do absurdo da existencia. Logo de rexeitar valores sociais e relixiosos, abraza a liberdade de vivir sen ilusións. Ou como Gregor Samsa n´ A Metamorfose de Franz Kafka, que busca refuxio na súa nova condición de insecto, que simboliza um afastamento tanto físico como psicolóxico da súa opresiva realidade familiar e social. Ou como Juan Pablo Castel d’ El Túnel, de Ernesto Sábato, que se refuxia na súa propia mente incapaz de establecer ligazóns significativas cos outros debido á súa visión sombría e alienada do mundo. En resumo, os personaxes das novelas existencialistas non encontran refuxio no sentido tradicional; pola contra, enfrontan o vacío existencial por medio da introspección, aceptación do absurdo ou fuga (física ou mental), reflectindo a condición humana sen un sentido predefinido.


2. Deriva situacionista. Cara onde van?

O situacionismo como movemento de vangarda europeo que xorde en 1957 e ten un impacto significativo na crítica da sociedade e cultura contemporáneas ten un vínculo evidente co movemento da NNG coa salvidade de que a NNG é marcadamente galeguista. Vangarda e marxismo están neses actitudes vitais e ideolóxicas en sintonía absoluta, son sinónimos perfectos, dúas caras da mesma moeda. Freud e Marx. Psicanálise e militancia, mais sempre desde unha perspectiva crítica. Como a que lle fan ao galeguismo anterior. Non esquezamos o que significa en termos estéticos e de sentido a morte de Ulm Roam, en Retorno a Tagen Ata, de Ferrín.

Hai unha tentativa de fusión entre arte e vida, procurando superar a reparación entre a expresión artística a experiencia do día a día, mais sempre co obxectivo de transformar a realidade social e cultural, indo alén do mero éxito literario.


  1. Protagonismo das cidades. O rural deixa de ser o centro.

O peso do ruralismo, na literatura e na cultura galega de posguerra e anterior, chegou a facerse insoportable, como ben demostrou Antón Figueroa no seu maxistral Diglosia e Texto, escrito a principios dos anos oitenta. Cara a Times Square é un síntoma moi significativo. Vemos cultura galega nun contexto ambiental radicalmente antagónico. Un home paseando por Manhattan ten tanto sentido na súa corrente de conciencia como ese mesmo home paseando por unha paraxe galega rural. O significativo é que cincuenta anos despois o ruralismo pasou á historia. Moi poucas novelas escritas en galego na actualidade atrévense a situar a súa diéxese en ambientes campestres. O virxilianismo de Otero Pedrayo, sendo admirable e antolóxico, era o efecto literario e ideolóxico dun certo tempo. Non podíamos aspirar a ser un Beatus Ille permanente e que poidese definir a nosa esencia (sempre posterior á existencia). Non temos esencia e moito menos unha esencia que dependa da nosa paisaxe e do noso entorno rural. A modernidade en Galicia derivou noutra cousa. Por iso eu creo que a obra de Camilo Gonsar irá gañando máis e máis peso, segundo pasen os anos.

  1. A perda, constante. Que queren conseguir?

Somos un vacío que tenta superar a Perda, a que se configura de partida como o oco baleiro entre o real e o simbólico. Podemos darlle as voltas que queiramos. Mais un cousa é o obxecto real e outra, ben distinta, a palabra que o representa. Por iso Proust non foi quen de encontrar o tempo perdido, malia buscalo e recrealo en páxinas inesquecibles. A conciencia desa Perda é o que se nos mostra, unha e outra vez. Non hai dereito a escribir para crear falsas ilusións, enganos para ilusos. Por iso esa escrita descarnada e valente. Nalgún caso mesmo suicida. Porque a linguaxe tamén nos atinxe a nós mesmos, a cada un de nós, dun xeito directo.

  1. Non aman. Non queren ser amados. Que queren conseguir?

“Amar é dar o que non tes a alguén que non é”, dixo Lacan. Ese é o contexto filosófico e intelectual. Amor eterno. De que eternidade pode falar un mortal. De que amor. O interesante é que isto, posto por escrito, constitúe nese momento unha ousadía. Hai moita afouteza na NNG. ·Estamos feitos de significantes cargados de sentidos inexplicables. E o problema non son os significantes senón os sentidos. Sentidos que, aínda sendo opinables, configuran hábitos e, o que é o mesmo, ideoloxías. Somos, por tanto, excravos das palabras. Liberdade, paz, xustiza... que raio significan? Se eu convirto o meu oficio de escribir nun deconstrución permanente de todo cando escoito dalgún xeito fágome un escritor da NNG. Con máis ou menos xeito, talento, oportunidade. Por iso para min a retranca de fondo que anima a escrita de Camilo convérteo nun ficcionista admirable.

  1. A devastación capitalista. A pobreza. O fracaso lévaos á desesperación?

Marx dixera aquilo do carácter fetichista da mercadoría. O capital, o beneficio, a comisión, a plusvalía. Até chegarmos ao punto en que hoxe estamos. o capitalismo financeiro, en que o capital non se corresponde co traballo, senón co capital mesmo. Podo gañar moito máis diñeiro investindo que traballando. A maxia do capital. Unha máquina que funciona por si mesma. E que conduce a iso que ti denominas devastación. Agora mesmo temos a ameaza de Altri que pretende instalar unha supercelulosa no mesmo centro do país, sen ningún tipo de beneficio para os seus habitantes. O maléfico non é Altri. O maléfico é a máquina fetichista que conduce a iso. Fóra da primacía dos valores que deberían ser os prioritatios.

  1. Nin ver nin ser vistos. A invisibilidade é a resposta da sociedade?

Sermos obxecto de mirada é unha das respostas ilusas á Perda, á Falta, de que falabamos antes. Ser alguén. Os personaxes prototípicos da NNG son os Ninguén. Tipos e tipas feitos de palabras, e que saben que esa é a súa esencia.

  1. Os espazos nocturnos. E na noite onde todo (ou nada) sucede?

A noite e a cegueira. Dalgún xeito podemos postular que a nosa modernidade ten un dos seus múltiples inicios na redescuberta por Freud do personaxe de Tiresias, o cego indixente e sabio profeta que é chamado por Edipo para que lle resolva o problema da peste que asola a cidade de Tebas. Aínda tratándose dun rei que pode ditar matalo, Tiresias non evita contarlle Edipo a verdade do seu caso. Así que a noite tamén é o noso inconsciente, o tempo de aumentaren os contrastes, os brillos e as sombras. Por iso a noite é verdadeira. E non a noite posmoderna que poidamos estar a vivir agora como a noite dos anos sesenta e mesmo anteriores. Esa noite de borrachos e desesperados, de abandonados e indixentes, esa noite clandestina e violenta, de conflito entre os opositores a pintaren consignas nos muros das igrexas e a policía política defensora do Réxime.

  1. O abandono de si propios. Quizáis non se coñeccen a si mesmos?

Aínda tratándose dun personaxe cancelado pola historia polo seu apoio a Hitler e ao nazismo, cabe lembrar o pensamento de Heidegger cando distinguía entre autenticidade e inautenticidade, a partir ou non da asunción da morte. Os personaxe auténticos que poboan a NNG son personaxes que viven sabendo que van morrer e que a interrupción da vida forma parte da propia vida. E que esquecer esa lección elementar non conduce a ningún lugar nin resolve ningún dos nosos problemas como humanos.

  1. A desintegración na sociedade. Por que non existe cohesión?

Homes desintegrados nunha sociedade desintegrada. Humanos que son Outro nunha sociedade que se sabe Outra. Non hai nada que integrar. O único que nos delimita, que nos fai íntegros e enteiros, que nos define, é a morte como horizonte. A patada que lle solta o narrador de Cara a Times Square ao personaxe do Belga na escena final da novela. Onde vas ti, maldito farsante, parece dicirlle, facéndote pasar por Belga, cando todos sabemos que es tan galego coma min. A que se debe ese interese en simular, en darlle outra voz á mesma máscara. No fondo esa sociedade desintegrada chea de humanos desintegrados non é máis que unha metáfora de Galicia. Unha sociedade inauténtica porque esqueceu o horizonte da súa propia morte.


  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...