sábado, 23 de novembro de 2024

 A (DES)APARICIÓN DE OCCIDENTE





Entrevista con Daniel Palau (Presidente do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional - IGADI).




1. Os países que aínda contan cun réxime de socialismo real na actualidade como Cuba, canto tempo estimas que poden perdurar?

Se algo destaca na actualidade é a incerteza do futuro. Se as predicións son sempre exercicios arriscados de adiviñación, agora mesmo a tensión na sociedade internacional non permite unha prospectiva que vaia máis alá dos distintos escenarios posíbeis. Alén do obvio, Cuba ten-se caracterizado por unha forte resistencia a cambios estruturais desde o 1991 e a posición da clase política dirixente continúa a ser a mesma, posibilitando evolución e cambios do propio modelo, no mercado interno ou na apertura externa, inspirados en boa medida pola China mais tamén pola experiencia doutros países como Vietnam ou da propia América bolivariana. No curto prazo un colapso do sistema e cambio de institucionalidade non se albisca no horizonte. No medio e longo prazo os acertos nas reformas necesarias serán fundamentais. Aínda habendo un forte desencanto en parte da sociedade cubana segue a existir unha ampla base popular que dá apoio diario e lexitimidade ao Goberno, así como unha estrutura estatal sólida, aínda que ineficaz e ineficiente nas súas propias palabras.

 2. As dúas Coreas… algún día voltarán a unir-se?

Existen diversos escenarios para o futuro da Península de Corea, que van da reunificación á guerra total. De feito, pode que os dous procesos estean agora mesmo abertos ao mesmo tempo. Hai burócratas e políticos traballando nas dúas posibilidades. Outra vez como no caso cubano e os escenarios fillos da Vella Guerra Fría, os contextos internos, así como a confrontación global entre os USA e a China, contornarán os acontecementos do futuro. No curto prazo semella inviábel unha Corea unida, mais case sempre a realidade vai máis rápido que os analistas.


3. A guerra do Vietnam supuxo un fito para o inicio da loita postmaterialista, pacifista?

O pacifismo como corrente de pensamento e acción acumula séculos de reflexións e experiencias prácticas. O pacifismo é un movemento universal que permeabiliza moitas variantes de acción colectiva o que fai imposíbel a súa patrimonialización e a súa calendarización unívoca. No contexto dos USA dos anos 60 a Guerra de Vietnam é un fito particular dos límites da política belicista e da militarización global que implicou a Guerra Fría e ao mesmo tempo unha derivada máis dos cambios sociolóxicos profundos a nivel mundial, conectando co postmaterialismo e a defensa de novas identidades. No mundo occidental sen dúbida un fito, nos USA un trauma sen resolver e na actualidade un movemento global necesario agora mesmo desaparecido.


4. A política exterior de China, en que está baseada e cal é a súa finalidade?

China e a súa política exterior entenden-se desde a lectura histórica e cultural do seu pobo e das súas elites, e especificamente desde a perspectiva da construción da Nova China, coa chegada ao poder do PCCh. Nese marco, Xi Jinping e o xiismo, están a desenvolver con vehemencia un perfil máis activo no papel global da China, definitivamente desacomplexado e autoconsciente do seu poder na sociedade internacional.


A aposta pola coexistencia pacífica, a non inxerencia en asuntos internos ou primar as interdependencias económicas para a prosperidade compartida son elementos estruturais do discurso internacional chinés. Isto identifica-se desde múltiples iniciativas e dimensións, como a participación cada vez máis activa en Nacións Unidas ou a chamada diplomacia das vacinas, a nova Ruta da Seda (One Belt One Road, 2013) coma un grande proxecto de infraestruturas para conectar a China con Europa e África por medio de corredores continentais, rutas marítimas e outras infraestruturas, ou o acento permanente na idea da Comunidade de destino común…

Así as cousas, a traxectoria das últimas décadas foi a de animar un novo multilateralismo baseado nas interdependencias económicas e o volume do seu mercado, xa sexa cos BRICS ou a Organización de Cooperación de Shangai, na idea de transformar o sistema de normas internacional nun máis apegado aos seus intereses, no que acaban por converxer co mundo non occidental. Mais alá desta traxectoria e perfil construtivo, China tamén sabe falar a peor linguaxe dos Estados e está a preparar-se para escenarios de guerra total aumentando as súas capacidades militares a todos os niveis. Taiwán e as fronteiras actuais da China son sagradas. Recomendo dous libros do Xulio Ríos (fundador e Presidente de Honra do IGADI) “La China de Xi Jinping” (Editorial Popular 2018) e “A Globalización china: La Franja y la Ruta” (Editorial Popular 2019).


5. As intervencións dos USA… sobre que teorías políticas se apoian?

O intervencionismo dos USA ten un continuum infinito de variedades, mecanismos, instrumentos, cos que hexemonizou o liderado do planeta desde a Segunda Guerra Mundial. Xa antes, a Doutrina Monroe definira unha visión continental para América que exportou ao mundo enteiro coas teorías sobre o Novo Século Americano a finais dos anos 90 coa caída da URSS. O intervencionismo vai da cooperación ao desenvolvemento tradicional, aos acordos militares e de seguridade con terceiros estados ás intervencións militares directas ou secretas...

 Sendo tan amplo e variado, as teorías que o sustentan van da defensa da democracia e as lecturas de parte dos Dereitos Humanos, máis acentuadas polo Partido Demócrata, á defensa aberta do libre mercado e os intereses americanos, máis acentuado polo Partido Republicano. En función dos liderados priman-se unhas aproximacións sobre outras, uns instrumentos ou outros.


6. A UE ten que retos en política interior?

A UE leva desde o fracaso da Constitución Europea tentando atopar o seu lugar no mundo. En política interior todo pasa por atopar os mecanismos para unha maior axilidade, coordinación e identificación coa UE entre os Estados membros e as súas sociedades, moitas veces con demasiados intereses en competición e naturezas sociolóxicas e culturais confrontadas.



7. Evo Morales, Chaves e líderes populistas, como definen as súas políticas, ese populismo?

O populismo é unha categoría pouco explicativa, xa que na actualidade os populistas sempre son outros, connotados negativamente. Así, se vamos a análise concreta, a chegada ao poder do Hugo Chávez no 1998 abriu na América unha vía electoral á construción do socialismo democrático. Aquel proceso en Venezuela, primeiramente renovador das institucións e de carácter nacionalista, inspirou desde a idea de democracia protagónica (Constitución de 1999), as vitorias electorais de Evo en Bolivia ou de Correa no Ecuador entre outros. Toda aquela corrente de pensamento e acción acabou por cristalizar na construción do Socialismo do S.XXI, que a día de hoxe, e xa na segunda década dos XXI segue a amosar unha grande capacidade de resistencia así como de apoio popular, mais tamén unha grande capacidade de xerar decepcións en termos de socialismo democrático.



8. A loita pola igualdade, a liberdade, a felicidade mesmo é a causa de accións políticas?

Desde as teorías da democracia, conseguir a máxima felicidade posíbel para o máximo número de cidadáns sería a máxima aspiración da mesma. Na base e fundamento deste proceso desde as miñas lentes europeas estarían as consignas da Ilustración e da Revolución francesa, liberdade, igualdade e fraternidade… Máis alá do idealismo que tamén move o mundo, o materialismo, os intereses nacionais e de clases, acaban por acoutar e limitar esa visión idealista da democracia como forma de goberno. Os Estados xogan a linguaxe dos Estados, nuclearmente, como ben se ve, desde os seus aparatos militares e de defensa e seguridade, sempre conectados ás elites económicas.



9. O humanismo é o ponto débil do goberno ruso?

A Rusia de Putin caracterizou-se nas últimas década por un militarismo ascendente, que tivo na invasión da Ucraína o seu último e dramático episodio por agora. Canto de responsabilidade existe na aposta interna nacionalista rusa, ou canto de reacción hai na invasión ás inxerencias estranxeiras para erosionar o seu poder na súa zona de influencia saberemo-lo mellor no futuro. Mais se o obxectivo da “operación militar especial” era erosionar a OTAN e desgastar ao poder occidental, o seu grande erro foi dar a razón aos servizos de intelixencia dos Estado Unidos e o Reino Unido arredor da potencial invasión da Ucraína. En semanas as elites e a opinión pública europea, desencantada da OTAN e desexosa da autonomía estratéxica na última década, volveu á defensa do atlantismo militar de maneira practicamente homoxénea. O humanismo é defender os valores fundacionais das Nacións Unidas e a resolución pacífica de conflitos.


10. A solidariedade internacional a quen e que implica?

A solidariedade internacional, entendida coma o mellor humanismo posíbel debera implicar a todas as sociedades e a todas as persoas, en relacións de igualdade, inclusivas e mutuamente enriquecedoras, de recoñecemento do outro. Lamentabelmente a fragmentación do planeta que edificaron o colonialismo e o imperialismo hai xa séculos, así como as novas formas de inxerencia polas antigas e novas potencias, fai desa solidariedade un proceso imposíbel se non se realizan esforzos conscientes e sostidos no tempo de empatía e coñecemento mutuo en todas direccións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

  LUGARES MÍTICOS DO REINO DE GALICIA , manuel gago Que convirte a un lugar nun lugar mítico? Pois a existencia de tradic...